O programa de motociclismo de base «Xogade coas motos» arrinca o día 19 en Vilanova
AROUSA
Ofrecerá a rapaces de 6 a 16 anos a posibilidade de probarse subidos a unha moto co seu mono e o seu casco
04 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Xogade coas motos chegará a Vilanova de Arousa o vindeiro 19 de agosto da man de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo en colaboración coa Xunta de Galicia. O evento forma parte do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.
O sábado 19 de agosto o polígono vilanovés de Baión acollerá a primeira proba desta actividade, que pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos pequenos á velocidade. Os rapaces terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade, que serán controlados por monitores que analizarán o nivel do pequeno e informarán do mesmo aos seus pais.
A actividade pasará posteriormente polo circuíto de Robra en Outeiro de Rei (Lugo), pola Laracha (A Coruña) o 16 de setembro e finalizará o 2 de decembro no Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur en Ourense.