A Torre de Escuredo parece sufrir algún tipo de meigallo. Algo así como que quen a toque, arruinarase. E así foi: Mestre, Escuredo, Riestra e ata, incriblemente, Barrié-Banco Pastor; se cadra, pura casualidade, pero os meigallos precísana para cumprírense. Polo poñente da Torre de Escuredo está o esqueleto —formigón, ladrillo e ferro ao aire— dun edificio de soto, baixo e dúas plantas, en ruína. Unha estrutura que foi paralizada por moi diversas infraccións urbanísticas nos anos 90, que afoga á rúa da Torre, no Montiño de Arriba, e cega completamente as vivendas desa vía tan estreita. A propia fachada é quebrada para adaptarse ás extremas do soar e non deixar libre nin un centímetro. Por mor desa construción, que non permite nin beirarrúas, esa parte do barrio permanece escura, como se lle quitaran o aire que nunca lle faltou. Ademais, obviamente, tal aberración urbanística non respecta as determinacións derivadas da singularidade da Torre de Escuredo como edificio catalogado.
Denomínase «Torre 2»; o terreo que ocupa foi segregado por Promociones La Torre S.L., hoxe extinta, da finca da Torre de Lores. En 1993 vendeulle o solar e o proxecto completo, coa división horizontal feita e inscrita, á sociedade vilagarcián Adjosaran S.L.. A previsión era de erguer catro plantas sobre rasante e áticos, cun total de cincuenta e dúas vivendas. O soto, construído e en uso, está destinado a garaxes —descoñezo se arrendado— mide oitocentos cincuenta metros cadrados e tamén dá servizo ao inmoble denominado Torre 1. Da sociedade Adjosarán S.L. coñécense os administradores solidarios e sábese que quixo levar a cabo unhas frustradas prospeccións mineiras pola zona de Lalín, así como a tentativa desta construción, afortunadamente abortada.
Hoxe, esta sociedade está sen actividade, dada de baixa de oficio na Facenda e desde o 2019 sen presentar as contas no Rexistro Mercantil. O inmoble permanece sen carga algunha, nin sequera por débedas á Facenda municipal. Pero o armatoste segue aí danando gravemente á Torre de Escuredo e prexudicando ás condicións de vida dos veciños desa rúa da Torre.
A situación de ruína física desta armazón é, a simple vista, irrecuperable, despois duns trinta anos paralizada: ferro ao aire, a planta superior destruída, formigón deteriorado. Ademais, o futuro PXOM, o vixente Decreto Cuíña que rexe no Grove e as ordes administrativas impiden calquera tipo de rehabilitación. Resulta indubidable que a utilidade veciñal para os residentes na rúa da Torre e o interese xeral da recuperación da Torre de Escuredo fan precisa a adopción de medidas por parte da Administración, sen máis dilación. Trinta anos de prexuízo son suficientes. E, unha vez máis, correspóndelle actuar ao Concello do Grove que, por exemplo, pode acordar un expediente de ruína desa estrutura e decidir a súa demolición íntegra, polo menos sobre rasante. E non sería a peor idea destinar ese soar a pago do custe da demolición e, aparte de abrirlle o aire aos veciños, transformar ese espazo nunha infraestrutura común e o soto, ou atuílo ou para uso público.
Acometer esa obriga dunha vez non só beneficiaría á propia Torre de Escuredo, senón ao barrio do Montiño permitindo que a rúa da Torre recibise luz, que puidese ser dotada dunhas estruturas viarias axeitadas e, como dicimos, coa incorporación do soar a equipamento público do que non está precisamente sobrada esa zona. Non cabe dúbida ningunha que esas declaración de ruína e demolición precisan vontade e decisión políticas, pero tamén un certo afán cultural de conservar e mellorar o patrimonio. Non sería doado entender que continuase a inacción, como non o é a permanencia desa aberración no centro do casco urbano á vista de todos durante máis de trinta anos. Vai sendo hora de tomar decisións.