Martín Rey pelexa hoxe o título na Volta a Galicia con dous segundos de vantaxe

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

LOLITA VÁZQUEZ

O vilagarcián chega á derradeira etapa á fronte da xeral e das clasificacións de mellor corredor galego e sub 23

17 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O vilagarcián Martín Rey Vázquez (Padronés Cortizo) defende hoxe, na cuarta e derradeira etapa, o xersei de líder da Volta a Galicia que loce desde o final da segunda xornada da rolda. Faino nas estradas de Pontevedra e do Salnés, a súa casa, con 133 quilómetros divididos en dúas partes ben diferenciadas: os 75 primeiros a carón da costa e os restantes con tres dificultades de montaña ata a chegada á meta final, na Praza de España da cidade do Lérez.

Martín Rey chega ao desenlace con 2 segundos de vantaxe sobre Samuel Fernández, do Caja Rural-Alea, e 5 respecto a Pablo Ara, do Vigo-Rías Baixas, este último gañador da segunda etapa. Entre eles debería saír o rei da Volta a Galicia 2023, tras caerse do grupo o uruguaio Pablo Bonilla logo da exhibición que no día de onte ofreceu o mexicano Édgar Cadena (Telco) nas estradas de A Pobra de Trives. Tras demarrar a 63 quilómetros de meta e deixar o seu compañeiro de aventura, Daniel Calvia (Gomur), a 40, Cadena gañou con 1.31 de diferenza respecto a Sergio Chumil (Padronés Cortizo). Martín Rey entrou quinto a 2.01 nun grupo de cinco efectivos e, ademais da xeral, encabeza as clasificacións de mellor galego e sub 23.