
A prohibición de Medio Ambiente impide usar o treito baixo do río. Faráse unha regata curta de clasificación pola mañá para as categorías con máis de 20 inscritos
21 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O sábado 30 de setembro o piragüismo galego concentrará a súa mirada no Salnés. A falta do peche da inscrición e pese ao tardío da celebración este ano, a vixésimo novena edición da Baixada do Umia promete contar cunha alta presenza de padexeiros, que se atoparán un percorrido inédito. E iso, sen querer entrar en detalles nin polémicas por parte do club, pola negativa da Consellería de Medio Ambiente de permitir a navegación no treito baixo do Umia pese ao seu uso nas cinco edicións anteriores da proba piragüista, como recordou onte na presentación da regata o director deportivo do Náutico O Muíño.
José Manuel Vázquez Navia, o Ruso, sinalou que despois de 29 anos ininterrompidos de descenso, tocaba reinventarse como outras tantas veces. Así, antes de entrar a falar do novo formato da proba, o responsable do club organizador repasou os diferentes trazados na historia da Baixada do Umia. Empezando polo primeiro, con saída en Caldas e meta no club, pasando polo traslado do punto de partida a Portas, «coa saída na praia fluvial, para facela máis espectacular, tipo Sella; fixemos un ano de Portas a Castrelo e vir, pero a maioría foi de Portas aquí», lembrou o Ruso. E por último, «buscando saír da nosa zona de confort», engade, «encontramos o percorrido que levamos facendo os cinco últimos anos, de Barrantes á desembocadura do río e volta ao club». Unha aposta esta última coa que, salienta o director deportivo do Náutico O Muíño, «conseguimos que a participación se disparase, porque cauce arriba fan falta barcos específicos de río e os clubs cada vez están con máis limitacións económicas» para dispoñer deles. «Non era un percorrido tan vistoso, pero contaba con moita máis xente. Agora, despois de 5 anos, incomprensiblemente non podemos facer a proba río abaixo. Van 5 anos con este percorrido, e agora non», queixouse o directivo.
Neste punto, a semana pasada o club e o Concello acordaron apostar por un novo percorrido que o Ruso xa tiña había tempo na cabeza, pero que: «Sen tempo tivemos que sacar adiante. Vai ser unha mestura das dúas variantes que fixeramos antes: o descenso en si e un cacho de travesía». Sete quilómetros desde a praia de Oubiña, con saída ás 17 horas tipo Sella e meta antes da ponte de Cabanelas. E un plus: pola mañá, naquelas categorías con máis de 20 inscritos, unha regata curta clasificatoria.
A presentación da baixada contou co alcalde de Ribadumia, David Castro, co presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, e co deputado provincial de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola. Todos coincidiron en apostar por conseguir que a Baixada sexa o vindeiro ano, na súa trixésima edición, copa ou campionato de España.