O excursionismo incontrolado ocupa de balde os espazos comúns
08 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Foi no Reino Unido onde se empezou a falar do turismo pro pobre (Pro-poor Tourism - PPT). Presentouse nas Nacións Unidas en 1999 pretendendo pór «á pobreza no corazón da axenda do turismo» e creouse nese ano a Asociación de Turismo Pro-Pobre (Pro-Poor Tourism Partnership) orientada a que o turismo mellorase zonas necesitadas. O curioso —ou triste, xa non sei— é que os argumentos que os ricos ingleses expuxeron, máis de Charity que de solidariedade, son os mesmos razoamentos que se defenden aquí aínda hoxe para xustificármonos como destino turístico. Os británicos sentaron que os obxectivos do turismo pro pobre serían aportar beneficios económicos a lugares desfavorecidos, impulsar estabilidade económica co aumento do emprego e coas oportunidades de formar negocios, diminuír o efecto negativo provinte do entorno cultural e local —un xeito de falar da ignorancia da que non sexa cultura saxona ou da globalización cultural—, fomentar o desenvolvemento económico coa venda directa de produtos e servizos dos propios residentes, así como a valoración dos recursos patrimoniais, culturais e naturais. Pois ben: a día de hoxe cando se mencionan os prexuízos que causan turismo e excursionismo masificados e sen regular e a miseria que xerarán a curto prazo, os argumentos para defender eses tipos de viaxe son os mesmos que desde a Pérfida Albión se deron para eles viaxaren por lugares ignotos e míseros. É dicir: estarmos de acordo en seguir promocionándonos como destino sen regulación e mostrar conformidade con que a marea de visitantes veña aquí facer turismo pro pobres porque axuda á nosa economía, fomenta emprego, fainos universais e obríganos a coidar o patrimonio. Evidentemente, non debe continuar sendo así. O sector turístico, e a nosa sociedade, aínda que nacera en tempos difíciles, agora é, e ten que ser, moderno, por moito que Galicia non sexa das rexións máis ricas; e non pode seguir matinando que nun dos principais países da UE se xustifique o turismo pro pobre.
Por razóns elementais de presente e de futuro. E non exactamente por non sermos pobres con respecto ao mundo, senón porque manter ese enfoque para xustificar un turismo/excursionismo masivo dificulta que o sector turístico se profesionalice e avance cara a estándares de calidade que permitan que o viaxeiro acuda á nosa zona especificamente pola calidade do servizo; é dicir que, apoiado polo noso clima, natureza, patrimonio, veña pagar, gustoso, servizos turísticos de excelencia.
Seguramente caros, por suposto. É imprescindible ese cambio social de mentalidade: temos que entender que o turismo virá pola nosa excelencia e non coa pretensión de sacarnos da pobreza. E, ademais, como calidade e cantidade non conxugaron nunca, hai que empezar a discriminar e poñer limites aos tipos de viaxeiros e, a este respecto, diferenciar turistas de excursionistas e, dentro destes últimos, os que chegan en viaxes colectivas fronte aos que utilizan o seu propio automóbil. Un turista é quen acode por ocio a un lugar determinado, pernoita polo menos unha noite, gasta do seu e vaise; un excursionista é o que se presenta para gozar dos recursos —infraestruturas, atractivos naturais— dun destino turístico, busca consumir de balde ou a custe mínimo e márchase no día. Entre eses hai que sinalar como prexudicial ao excursionista no propio automóbil, que colma, abarrota, asolaga os espazos comúns. É necesaria, con présa, unha regulación porque a saturación que produce ese tipo de excursionista repercute negativamente no turista, ao que impide satisfacer as súas expectativas, e, particularmente, no veciño que nin sequera recibe os beneficios pro pobre e ve ocupado todo o seu espazo vital, que el contribúe a manter. Fronte a esta masificación, os destinos turísticos están a reaccionar coas taxas turísticas —absolutamente razoables—. Falaremos delas outro día.