Se se ditase unha lei só para Compostela sería unha discriminación inxustificada para outros destinos turísticos
22 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O presidente Alfonso Rueda, o máis solvente administrativamente que houbo ata agora, indicou fai pouco que estaría disposto a propoñer unha taxa turística só para Compostela se se lle presentaba un estudio rigoroso que a xustificase. Cambia a posición radicalmente contraria que expresaba a Xunta en tempos de Marta Lois en Santiago. Pero limitar a aplicación á capitalidade galega sería un erro notorio, porque a presión turística que afronta Santiago de Compostela, -importante: os veciños foxen do Casco Vello- é menor que a que reciben vilas pequenas como O Grove, Sanxenxo ou Baiona. Porque O Grove dispón de case dez mil aloxamentos regularizados e moitos miles, digamos polisóns, sobre todo en San Vicente; Sanxenxo, vinte e cinco mil -o dobre que Santiago-; Vilanova tres mil e Vilagarcía 2.500. A finalidade das taxas turísticas é apoiar financeiramente aos concellos que soportan turismo masivo para suplir o maior gasto de atender o consumo de servizos públicos producido por turistas e excursionistas. No 2020, o concello de Barcelona elaborou un estudio no que establecía que o déficit anual que padecía derivado de atender aos turistas estaba entre os cincuenta e cinco e cento vinte e un millóns de euros e que a aplicación das taxas turísticas permitiría recuperar unha parte substancial. Publicouse, tamén, o Libro Blanco Tourism Taxes by Design, que examinou os diferentes tipos de impostos relacionados co turismo. Dos 30 países europeos, 24 aplican impostos, taxas e aranceis sobre os servizos de viaxes e turismo, con varios modelos de utilización deses ingresos fiscais para investir no desenvolvemento dun turismo sostible. Sen facer un estudio pormenorizado, concorre o paradoxo de que canto máis podente e avanzado sexa o destino, máis se paga. A ninguén lle gusta falar da fiscalidade do turismo porque levamos case un século vendo neste sector un maná, unha salvagarda económica; e desgústalle máis aos sectores liberais, que buscan solucións na rebaixa de impostos antes que na creación de gravames. Pero este Libro Branco demostra que a percepción negativa deste imposto é marxinal e o consumidor amósase inclinado a pagalo se ve unha finalidade transparente: sostibilidade, axuda á comunidade local ou preservación cultural e natural. Despois dos esforzos de Marta Lois, e dos estudios do profesor Caramés, o actual goberno do Concello de Santiago remitiu á Xunta de Galicia un expediente moi completo, cun exhaustivo informe do catedrático de Dereito Financeiro César García Novoa. Propón -e non só para Compostela-, un pago de entre 0,5 e 2,5 euros por día con pernoita ou sen ela, cun límite de seis xornadas, que se recadaría nos hoteis, nas vivendas de uso vacacional, en cámpings, nas áreas para autocaravanas, albergues e incluso aos viaxeiros que chegan en autobús. Escapa do gran problema dos coches particulares e exclúe viaxes por motivos non turísticos: saúde, deporte, estudos, traballo, etc. Santiago ingresaría cada ano case tres millóns de euros, en canto no 2022 acreditou un millón e medio de pernoitas, menos que na comarca do Salnés. A prensa recolle que os composteláns aplauden esa taxa turística. A iniciativa terá que ser transformada en Lei polo Parlamento. Se se ditase unha lei só para Santiago de Compostela sería unha discriminación inxustificada para os Concellos doutros destinos turísticos e os seus veciños. Os gobernantes do Concello de Santiago están a defender aos seus residentes, ao seu municipio e ao futuro do turismo. Parabéns, que o consigan. A ver que fan os partidos e os plenos municipais na defensa dos municipios do Salnés.