De que hai que seguir vivos despois do Nadal

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

O Nadal para min sexa tempo de pánico porque nesta época cada ano, despois das múltiples festas, ocorren tráxicos accidentes de tráfico

12 nov 2023 . Actualizado a las 12:40 h.

Velaí ven o Nadal, un tempo de ficción que me dá medo. Como todo o ano métennos polos ollos marabillosos spots publicitarios para facernos ver que tal ou cal automóbil faranos felices, ofreceranos unha vida ideal e ata nos forxará unha personalidade brillante. E como somos idiotas, en xeral facemos por crer nesas falsidades absurdas. Rematamos por estar seguros de que unha existencia marabillosa ten relación co coche que poidamos elixir. Dispor de coche converteuse na ambición común da xente e todo está repleto de vehículos, tantas veces nun ir e vir sen sentido. Ademais, por exemplo o Estado español, seguramente extraendo recursos do transporte público -absolutamente seguro- subvenciona, directa ou indirectamente, ás multinacionais do sector automobilístico porque representan o 7,7% do PIB e manteñen algo menos de seiscentos mil empregos. O consumo excesivo e o uso frenético de automóbiles fai que o Nadal para min sexa tempo de pánico porque nesta época cada ano, despois das múltiples festas, ocorren tráxicos accidentes de tráfico con xente moza que estraga a súa vida en calquera estrada. O vindeiro domingo a ONU conmemora o Día Mundial en Lembranza das Vítimas de Accidentes de Tráfico para recordar ás persoas afectadas por esa lacra, recoñecer o traballo dos servizos de emerxencia, reiterar a necesidade dunha resposta legal axeitada -o sistema de baremos español está pensado para favorecer os balances das aseguradoras e non é xusto sempre para as vítimas- e, por suposto, deter as mortes e lesións por tráfico. A Organización Mundial da Saúde quere que no 2030 se reduzan á metade o número de defuncións e lesións causadas por accidentes de tráfico. Os datos a nivel mundial que nos dá este organismo, fan cavilar. Para ter unha idea do grandísimo problema dos accidentes de tráfico podemos, tetricamente, comparar cifras: os últimos datos das guerras dinnos que anualmente morren nelas arredor de trescentas mil persoas. Cada ano as colisións derivadas do tráfico producen a morte de un millón trescentas mil vítimas; pero é que, ademais, entre 20 e 50 millóns de persoas sofren traumatismos non mortais e moitos deles provocan discapacidades. Calcúlase que os accidentes cústanlle á maioría dos países o 3% do seu PIB. Quizá dalgún xeito habería que descontarlle algo á industria automobilística. Pero é que, ademais, os traumatismos debidos á circulación de vehículos a motor son a primeira causa de mortalidade entre nenos e mozos de entre cinco e vinte e nove anos. Pero aínda dá máis datos para reflexionar porque os accidentes de tráfico no mundo cébanse nos pobres: a metade das defuncións son de peóns, ciclistas e motociclistas e o 93% das mortes relacionadas co tráfico ocorren en países con ingresos medianos e baixos. As taxas máis elevadas de accidentes prodúcense en África e as máis baixas en Europa. Incluso nos países de ingresos altos, as persoas de nivel socioeconómico baixo corren máis risco de vérense involucradas en colisións. Ou que, curiosamente, os homes de menos de 25 anos teñen tres veces máis probabilidades de morrer nun accidente de tráfico que as mulleres. Todos sabemos de sobra, aquí e onde sexa, cales son as causas dos accidentes: erros e distraccións na condución, velocidade, alcohol e drogas, ausencia de cascos, cintos de seguridade e sistemas de suxeición para nenos, carencia de seguridade do trazado das estradas, falta de seguridade dos vehículos, incumprimento das normas de tráfico. En España neste 2023 morreron nas carreteiras por agora case novecentas persoas -o dobre en vías interurbanas que en autopistas e autovías- e os vehículos que porcentualmente presentan máis mortos son as motocicletas; e a fin de semana é o período no que se producen máis accidentes. Por iso sempre teño pánico ao Nadal: festas, inconsciencia, velocidade, e, sempre, mozos que deixan o futuro en calquera curva dunha estrada. Teñamos coidado: que este Nadal non sexa o derradeiro.