O Asmubal Meaño recibe o Camargo 74 en partido adiantado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O técnico do Asmubal non se fía do que a clasificación di do Camargo 74
O técnico do Asmubal non se fía do que a clasificación di do Camargo 74 Martina Miser

Trátase do encontro programado no calendario para o 6 de decembro

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O partido estaba programado no calendario da Liga de División de Honra Prata Feminina para ser disputado o vindeiro 6 de decembro, nunha semana espremida pola Real Federación Española de Balonmán aproveitando o acueduto festivo pola celebración dos días da Constitución e do Pilar. Pero os dous equipos implicados, o Inelsa Solar Asmubal Meaño e mais o Anabel Lee Camargo 74, acordaron que lles resultaba mellor aproveitar o parón decretado na competición esta semana para descargar a súa axenda de compromisos en quince días. E así é como ambos os dous se ven hoxe as caras no parqué do Pavillón de Coirón, desde as 19.30 horas.

O choque chega en dous momentos ben diferentes para un e para outro. A pesar dos notables problemas físicos de tres das súas xogadoras centrais e máis aló de ter perdido a Eli Méndez para o resto da Liga, o Asmubal Meaño gañou dous dos seus tres últimos compromisos, ambos os dous en campo propio, onde só cedeu 1 punto nos seus cinco encontros coma local ata hoxe esta temporada. Unha fortaleza que sustenta o seu quinto posto na clasificación, con 11 puntos en total. O Anabel Lee Camargo 74, pola contra, foi de máis a menos. Tras gañar tres dos seus catro primeiros partidos de Liga, o cadro cántabro perdeu catro dos cinco últimos; o 28-25 sobre o Siero o día 12 deste mes foi a súa última alegría.

O adestrador do Asmubal Meaño, Juan Manuel Costas, salienta pola contra a calidade do cadro de xogadoras dun rival que aparece noveno na clasificación con 8 puntos, só 3 menos co seu equipo. Sobre todo, contando con dúas laterais montenegrinas, zurda e destra, de moito nivel, como a súa central titular. Con todo, Costas considera que o Camargo 74 debe ser asequible para o Asmubal se as súas pupilas demostran a mellor versión de si mesmas.