Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Yayo Daporta, 16 anos de estrela Michelin: «O noso obxectivo segue sendo evolucionar e mellorar día a día»

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

O chef de Cambados subliña que o único segredo é o traballo e a motivación constantes, e aposta por unha mesa tradicional para Noiteboa, coroada polo bacallau con coliflor

30 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais do 2007, a nova de que pasaba a engrosar a nómina de restaurantes galegos cunha estrela Michelin sorprendeu a Yayo Daporta de vacacións. O restaurante que leva o seu nome (Hospital 7, Cambados) é un dos grandes veteranos na galaxia galega dentro da prestixiosa guía gastronómica. Brillou nela por primeira vez no 2008, e continuará facéndoo na publicación do 2024. Van aló 16 anos consecutivos revalidando unha etiqueta de primeira categoría. Algo nada doado que o chef arousán vencella con traballo e motivación. «Dende que abrimos, no 2005, a nosa cociña está evolucionando constantemente. O noso obxectivo segue sendo mellorar día a día. A motivación é facer cada vez mellores pratos, ofrecer mellores instalacións, un meirande conforto para os clientes. Se iso é así dende o principio, e en Michelin consideraron oportuno recoñecelo, supoño que é consecuencia directa de todo este traballo».

Achégase o Nadal e na familia do cociñeiro cambadés a tradición manda. «Na cea de Noiteboa seguimos sendo de bacallau con coliflor. Gusta moito, e para o xantar do Nadal teremos un galo de curral». En Noitevella, en troques, Yayo Daporta abre as súas portas, nunha cea que basicamente enchen familiares e amigos. «É unha data especial e aí si que botamos un pouco a casa pola fiestra», recoñece.