O Asmubal entra en barrena tras encaixar a súa cuarta derrota en cinco encontros
AROUSA
Caeu 33-27 ante un rival teoricamente inferior, o C.D.B. Fuentes Carrionas
10 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.As luces de emerxencia acendéronse onte no seno do Inelsa Solar Asmubal Meaño. Fronte a outro rival teoricamente inferior, o conxunto que dirixe Juan Costas sucumbiu na cancha palentina dun C.D.B. Fuentes Carrionas que co 33-27 final suma o seu terceiro triunfo nas doce xornadas de Liga de División de Honra Prata Feminina disputadas ata hoxe. Para o Asmubal trátase da súa sexta derrota da campaña e, o que é peor, a cuarta nas súas cinco últimas comparecencias oficiais. Unha traxectoria sumamente preocupante, vendo que a distancia cos dous últimos clasificados é cada vez menor.
En franco declive desde a perda para o resto do curso da central vallisoletana Eli Méndez por unha grave lesión articular, o conxunto meañés amosouse igual de perdido ou máis á hora de encarar a portería rival no primeiro partido sen Sofía Arangio, a primeira liña arxentina chamada a relevar a Eli Méndez no temón do cadro de Coirón e que, a falta da práctica dunha resonancia magnética, apunta a sufrir tamén un problema grave nun xeonllo.
Inda indo practicamente sempre a remolque, o Asmubal mantivo o tipo durante os primeiros 20 minutos (9-9), pero no último terzo previo ao descanso desmoronouse, vítima da falta dunha estrela polar en ataque. Ao parón, 17-11 no electrónico e 16 perdas de balón contabilizadas na planiña de rexistros do banco de Juan Costas.
Ata en catro ocasións se achegou o Asmubal a 4 do Fuentes Carrionas e con opción de poñerse a 3, pero fallos clamorosos no lanzamento acabaron por minar a un cadro de xogadoras que precisa dun ou dous reforzos con urxencia para recuperar a dirección.
FICHA DO PARTIDO:
C.D.B. FUENTES CARRIONAS (33): Marina Yuan Vega, Sara Alonso (4), Valentina Estrada (5), Andyara Martins Villanova (8), Tindaya Quevedo (2), Anais Vidales (1), Andrea Olea (6), Grethe Damora (7), Yasira Echevarria, Iris Polvorinos, Nuria Ramiro e Sara del Ganso.
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (27): Dolores Pulti, Raquel Sineiro (1), Agustina Ballada (2), Lidia Chan, Sabela Miniño (2), Cárol Ferreira (2), María Currás, Lorena Ligero, Lucía Caneda, Andrea Cores (1), Sabela García, Laura Miniño (11), Paula Rey (3) y e Kathiely Martins (5).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-2, 3-3, 6-5, 9-8, 14-9, 17-11 (descanso); 20-14, 23-18, 25-19, 26-22, 29-24 e 33-27.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Sergio Pintado e José Manuel Chacón. Castigaron con 2 minutos as locais Andyara Martins Villanova (minuto 54.36) e descualificaron a súa compañeira Tindaya Quevedo por tres exclusións (minutos 15.59, 31.50 e 49.34), e as visitantes Cárol Ferreira (min 19.32) e Sabela Miniño (min 25.16)