
A normativa di que a loita contra a contaminación mariña é Mariña Mercante, competencia exclusiva do Estado
14 ene 2024 . Actualizado a las 13:57 h.Na Epístola aos romanos o apóstolo Pablo escribiu que os xuízos de Deus son insondables e os seus camiños inescrutables, para que a fe se mantivese en momentos incomprensibles da vida. Esa frase habería que predicala das actuacións políticas actuais de precampaña electoral, que se mesturan coa acción dun goberno, o da Xunta, que é de todos. As enquisas coñecidas auguran vitoria axustada do Partido Popular e, neste preciso momento, xorde un episodio de incremento da contaminación mariña por plástico granulado. Fanse analoxías, supoño que metafóricas, co Prestige, as miradas oriéntanse contra a Xunta e indúcese á conciencia popular a considerar ao goberno autonómico pouco menos que de causante do sinistro, tanto do do Prestige, como do actual, incomparable con aquel. Participei primeiro como voluntario e despois como avogado no xuízo do Prestige e nel mantiven a acusación ata o Tribunal Supremo, logo da absolución na Coruña, contra o Estado, contra o Director da Mariña Mercante e contra os distintos actores naquel sinistro. Ninguén acusou de absolutamente nada á Xunta de Galicia por ser un prexudicado máis. Esa foi a realidade daquela. Desde entón melloráronse as normas de resposta á contaminación mariña dun xeito lóxico: con plans e protocolos segundo o ámbito territorial de cada vertido contaminante. Se ollamos as noticias destes días parece como se o noso goberno autonómico fose responsable deste aumento de plásticos no mar. Non o é. Obviamente non foi o causante —foron outros: armador, fretador, aseguradoras, capitán, temporal—. E —como ocorre co aldraxe do recurso contra a Lei autonómica do Litoral— cabe a posibilidade de que os partidos galegos deban pórse de parte da Xunta diante dunha actuación discriminatoria do Goberno central. Botemos unha ollada á lexislación vixente. A normativa que regula esta situación deriva da lei de Portos e da Mariña Mercante de 2011, que establece que a loita contra a contaminación mariña é Mariña Mercante, competencia exclusiva do Estado (art 149.1.20 CE). Para desenvolver esta lei ditouse o Real Decreto 1695/2012, de 21 de decembro, polo que se aprobou o Sistema Nacional de Resposta diante da Contaminación Mariña. Este, disque para garantir unha resposta eficaz fronte á contaminación, estableceu plans territoriais xerárquicos segundo a amplitude xeográfica da contaminación: local, autonómica ou nacional. O actual incremento de contaminación por plásticos, iniciado en augas de soberanía portuguesa, afecta á costa de varias comunidades autónomas, pode danar a outros Estados e, ademais, prexudica a zonas ambientalmente protexidas. Con estas características a lexislación está moi clara: Correspóndelle ao Goberno Central activar e mobilizar medios en coordinación coas entidades autonómicas e locais —por certo: non coñezo os Plans que tiñan que ter elaborados os municipios galegos costeiros— e a instancia do Goberno central desde o 8 de decembro debería estar xa en marcha un órgano de coordinación entre todas as Administracións. No 2014 o Estado aprobou o Plan Marítimo Nacional de Resposta ante a Contaminación do Medio Mariño e, especificamente, o Plan Estatal de Protección da Ribeira do Mar contra a Contaminación que, na situación actual, obrigan a diversos ministerios a tomar a iniciativa e asumir a responsabilidade, sendo eles os que están na obriga de ter activado este Plan, coordinando ás demais autoridades territoriais e tomando medidas de prevención, colaborando na contención, retirada e neutralización do contaminante nas augas costeiras, mobilizando medios, medidas de seguridade e protección do persoal e dos voluntarios, limpando e recuperando as costas afectadas e retirando os residuos. Iso é o que din as normas. Todo isto non significa que as demais Administracións Territoriais non teñan que colaborar tamén, coordinadas polo Goberno Central. A Xunta dispón desde 2016 do Plan Territorial de continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Plan Camgal —www.plancamgal.gal—) , complementario e subsidiario dos estatais antes citados, e que establece que en casos como o presente a coordinación de operacións haberá que facela de acordo co establecido na normativa estatal. Esta é a lexislación e así é como se debería proceder leal e legalmente. Pero xa se sabe: en campaña electoral os xuízos políticos son insondables e os seus camiños inescrutables, e disque hai que ter fe. Como son descrido tiven a dúbida de titular este artigo «De que cada pau aguante a súa vela», dito inspirado no mar, pero pareceume que non amosaba solidariedade, que é o que se precisa nestes días para extraer os granulados e os demais plásticos do mar.