O Asmubal Meaño contrata a lateral zurda Micaela Lusarreta, internacional júnior arxentina
AROUSA
A xogadora ten prevista a súa chegada mañá
01 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño xa ten substituta para Kathiely Martins. Micaela Lusarreta, internacional arxentina júnior cun Mundial da categoría ás costas, ten prevista a súa chegada a Galicia mañá venres.
Lateral zurda de 21 anos —cumprirá 22 o 31 de maio—, Lusarreta vén relevar a primeira liña brasileira, coa que o club meañés pactou a semana pasada a súa saída na procura dunha xogadora que mellorara a calidade do cadro de balonmanistas que dirixe Juan Manuel Costas, moi mermado polas baixas para o resto da temporada da central vallisoletana Eli Méndez e da lateral arxentina Agustina Ballada. Esta última, cando comezaba a asimilar o seu rol de relevo da primeira á fronte da dirección do Asmubal en cancha.
Mes e medio sen xogar
Nada en Bahía Blanca, Micaela Lusarreta competiu a temporada pasada nas filas do Ferrocarril Oeste, un dos clubs grandes do balonmán arxentino, no que alternaba actuacións co equipo júnior e co sénior na máxima categoría. O seu novo adestrador, Juan Manuel Costas, salientaba onte o que, sobre o papel, lle pode ofrecer a nova lateral dereita ao Asmubal Meaño: «É unha xogadora nova, con ganas de traballar, zurda, que xoga no lateral e que nos pode dar lanzamento exterior».
O maior hándicap de Lusarreta, a necesidade dunha adaptación acelerada ao balonmán español, sendo esta a súa primeira experiencia nunha Liga fóra do seu país natal. Un dato que se suma ao feito de non xogar partido oficial desde hai mes e medio, tras a conclusión do campionato regular arxentino.
A todo o anterior engádese á longa viaxe transatlántica que completará mañá, polo que resulta difícil que a nova xogadora do Asmubal poida debutar no partido desta semana na División Honor Plata Femenina, que o sábado enfronta o cadro do Salnés no Pavillón Municipal de Coirón a un Solimusic Events Carballal líder con 27 puntos. En xogo, tentar unha sorpresa para propios e estraños que tapone a hemorraxia aberta pola que se desangra o Asmubal, con sete derrotas consecutivas e oito nas últimas nove xornadas.
Coa incorporación de Micaela Lusarreta, o adestrador do Asmubal Meaño pasará a dispoñer de cinco primeiras liñas, sumándose a Raquel Sineiro, Victoria Domínguez, Sofía Arangio e Laura Miniño.