Das palabras de amor

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

ALBERTO LÓPEZ

Como ensinou Wittgestein, os límites da nosa linguaxe son os límites do noso mundo e as palabras son parte do xeito de vida

11 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos lemos algunha vez Romance del Duero de Gerardo Diego (1896-1987) que remata Río Duero, río Duero,/ nadie a estar contigo baja,/ ya nadie quiere atender/ tu eterna estrofa olvidada/ sino los enamorados/ que preguntan por sus almas/ y siembran en tus espumas/ palabras de amor, palabras. Contemporáneo deste inmenso poeta foi o filósofo Ludwig Wittgenstein (1889-1951) que no intre de morrer pediu que se soubese que levara unha vida marabillosa. No seu primeiro libro, co que matinou ter resoltos todos os problemas filosóficos, deixou escrito «Oos límites da miña linguaxe son os límites domeu mundo». Máis claro: cada un é o que sabe dicir.

Quizá tamén o que comprende. A verdadeira riqueza dunha persoa, a real, a que importa, está nas súas verbas que, ademais, son os ladrillos dos que dispón para construír un chozo ou un pazo fascinante. Pero non só iso: o idioma, ou algo así di Noam Chomsky (1928), vén sendo como unha cuestión xenética que dá, esculpe, configura modos de ser. Ou sexa que, en realidade, a personalidade, a maneira de estar na vida, a valía, mídense polo acervo de palabras que cadaquén ten ao seu dispor na lingua de seu: canto maior patrimonio, meirande riqueza, maior lucidez. O propio Wittgestein afirmou que as palabras son parte dun xeito de vida. É interesante decatarse de que cada lingua ten como substrato unha cultura ancestral que a construíu e provoca unha forma de ser, de procesar o pensamento, de asumir conceptos. E diferencia aos seus falantes dos de idiomas alleos. Sempre me parece interesante descubrir a etimoloxía das palabras, quizá porque chega aos significados primixenios dos que é probable que fósemos perdendo a noción, pero que permanecen tallados no herdado subconsciente cultural.

Enlazando co verso final de Romance del Duero, hai ideas semellantes que nun ou noutro idioma se expresan de modo diferente por algunha razón. Amor, (fr. amour, it. amore) —que dou amante, amador, e ademais amigo e inimigo ou amizade— se o traducimos ao inglés será love, e se imos ao alemán toparemos liebe, no luxemburgués léift e no neerlandés liefde. Como nos conta Alex Grijelmo (1956) en A sedución das palabras (Taurus, reimp. 2023), esas verbas xermánicas veñen dunha raíz indoeuropea leubh que significaba sentir pracer. O curioso é que esa raíz no galego dou libido, que vén sendo desexo sexual instintivo. Libido, que se tomou do latín no século XX, quería dicir nese idioma apetito desordenado ousensualidade, pero tamén gustar, que é a xanela poronde entra o amor. Esta orixe diferente da denominación dun mesmo sentimento algo implica: non sei seguro o que; pero non pode resultar o mesmo que a idea de amorevolucione do significado de amizade, como no galego, castelán ou francés, que do de libido como noinglés ou no alemán. Quizá reflicta unha concepción das cousas diversa. Ou non, porque cando Gerardo Diego describe con beleza as «palabras de amor, palabras» que os namorados sementan nas escumas do Douro, de que nos está a falar?. É unha evidencia que non parece versificar o amor que expresaba Santa Tareixa de Xesús, nin a idea da amizade conveniente entre dous amantes, senón, máis ben, dígoo brutalmente, dos instantes previos a levar á práctica o orixinal leubh. Todo parece máis claro na expresión facer o amor porque entre nós pasou de querer dicir ser galante a tomar o significado literal do make love inglés. O noso Dicionario mantén as dúas acepcións facendo esta expresión sinónima de cortexar ou facer as beiras, e tamén de realizar o acto sexual, copular. E que me di, lector, do verbo querer, se pensamos que significaba desexar e actualmente é un sinónimo achegado de amar?. É apaixonante falar das palabras, de como a lingua nos modela de xeito diferente e de que, como ensinou Wittgestein, os límites da nosa linguaxe son os límites do noso mundo e as palabras son parte do xeito de vida. Incluso cando pronunciamos palabras de amor, palabras.