Portos, sobre a taxa ao aceite das planeadoras: «Son menos de dous euros ao mes»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A Xunta argumenta que está a cumprir co que establece a normativa vixente

21 feb 2024 . Actualizado a las 08:34 h.

«A Xunta está a cumprir co que establecen tanto a normativa europea como a estatal. Non podemos obviar as obrigas que impoñen normas superiores ás autonómicas». Así inicia Portos de Galicia a súa explicación ante o malestar que está a xerar no sector do mar o cobro da taxa Marpol, un pago de 19,14 euros derivados da xestión do aceite que usan as embarcacións.

«Non obstante, estamos a falar duns pagos de menos de dous euros ao mes e que non só inciden en residuos como os aceites senón tamén noutros como plásticos, botellas ou restos de aparellos», abundan desde o departamento autonómico.

«Portos de Galicia é consciente das cargas e custos que soporta a frota e por iso adoptou distintas medidas co obxectivo de minimizar ao máximo o efecto destes pagos para o certificado Marpol, necesario para despachar os barcos». Ás medidas ás que se refire son: a conxelación en 2021 do cobro da taxa como medida de apoio ao sector ante o Covid-19; o seu axuste para favorecer ás embarcacións de menores dimensións; a celebración de reunións co sector portuario, coas confrarías, con entidades deportivas e consignatarias de buques para informar da entrada en vigor destes pagos en 2022 e atender as súas demandas, e a conxelación do importe das taxas en 2023 como e 2024.

Pero as explicacións de Portos non convencen aos armadores, que xa empezaron a tramitar alegacións ante a Xunta apelando aos seguintes argumentos: que a cantidade de aceite que usan nas súas embarcacións é mínima, que xa se lle cobra unha taxa polo cambio de aceite dos seus motores cando van ao taller e que este novo pago chégalles cando a maior parte da frota marisqueira arousá leva meses parada, sen traballar, pendente do cobro de subsidios.