A Xunta prevé abrir en abril o aparcadoiro de Barrantes próximo á Autovía do Salnés
AROUSA
Contará con 77 prazas de estacionamento e está concebido para fomentar as viaxes compatidas
01 mar 2024 . Actualizado a las 22:35 h.A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, anunciou este venres que a Xunta porá en servizo en abril un aparcadoiro disuasorio en Ribadumia para fomentar as viaxes compartidas en torno á Autovía do Salnés. O aparcadoiro sitúase na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés e a VG-4, en Barrantes e a obra supón un investimento de 545.000 euros. Trátase dun equipamento de máis de 2.800 metros cadrados que lles facilitará aos condutores un punto de encontro para facer uso de vehículo compartido, tanto nas viaxes pola contorna da comarca, como para cara as áreas de Pontevedra, Vigo ou Santiago.
Os traballos, iniciados no verán, actualmente superan o 35 % de execución, pois xa se preparou a explanada, executáronse as instalacións de drenaxe, iluminación e a preinstalación de videovixilancia e dos puntos de recarga para vehículos eléctricos. Na actualidade, as tarefas céntranse no peche e valado perimetral e na extensión de saburra. Nas próximas semanas acometerase o pavimento e habilitaranse as zonas peonís, para finalizar logo coa iluminación, axardinamento e sinalización.
Habilitaranse 77 prazas de estacionamento, todas en batería, das cales dúas se reservan para persoas con mobilidade reducida. Tamén se habilitará a preinstalación de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Tanto no perímetro exterior do aparcadoiro como na illa central vaise habilitar unha franxa verde na que se plantará arborado. Tamén se colocarán 9 luminarias e 6 cámaras de vixilancia. Ademais levarase a cabo o acondicionamento do viario de acceso existente, reforzando o firme en todo o ancho da plataforma, elevando o paso de peóns actual e habilitando outro novo. A intervención inclúe ademais unha varanda para protexer a zona cara ao leito do rego San Martiño e valo para delimitar o aparcadoiro coa finca colindante.
A conselleira destacou que estas obras «se acometen con sensibilidade, atendendo a petición dos veciños, que solicitaron que se eliminen as orellas das beirarrúas que poden dificultar o tránsito dos ciclistas, moi frecuentes nesta zona.
A intervención enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible. A consellería traballa agora para poñer á disposición dos galegos unha rede de aparcadoiros disuasorios que fomenten o vehículo compartido en enclaves estratéxicos como Vilagarcía, no Morrazo, en Marín, en Lugo ou en Ferrol.