Susi Maquieira: explosión de vida nunha muller cun metro e dez centímetros de altura
AROUSA
Deseña a súa roupa, traballou como coidadora, viaxou canto puido e recibíu o título de navegación das mans da infanta Elena, que tivo que anicarse xunta ela. O xornalista Fernando Salgado relata a súa biografía en «¿Qué miras?»
07 mar 2024 . Actualizado a las 22:32 h.Corren tempos confusos, nos que erguer calquera bandeira resulta complicado. Ou non tanto. Abonda con atopar referencias sólidas para poder fincar os pes, ollar arredor e afirmar a vida, a xustiza e a igualdade por riba de todo. Un deses referentes ben podería ser Susi Maquieira (Santiago, 1971), a persoa á que o xornalista Fernando Salgado dedica o seu libro máis recente, ¿Qué miras?, unha biografía telegrafada en capítulos tan curtos coma ilustrativos. Tes magoa de ti? Imaxina nacer muller con acondroplasia, unha enfermidade que frea o crecemento dos osos e, no caso de Susi, ofreceulle unha altura moi por baixo da media, apenas 110 centímetros.
«Os pais sabían que ían ter unha filla con acondroplasia; de feito, a súa irmá, pouco maior, padécea tamén. Pero nunca permitiron que quedasen na casa. Leváronas a todas partes, foron dúas rapazas máis, perfectamente integradas» no Cuntis no que medraron, explica Fernando. «Sempre digo que o meu enfoque da vida débese aos meus pais, aínda que morresen moi novos», confirma Susi, que con vinte anos era punki, estudou deseño, moda, patronaxe e confección nunha escola internacional de Vigo, traballou coma enfermeira xeriátrica, dirixiu durante catorce anos a asociación Avanzar para axudar a xente con discapacidade física ou intelectual, viaxou canto puido (Brasil, Canarias, Canadá, Roma), viviu un tempo en París e Londres e nunca se deixou engurrar polas cartas que lle tocaron no reparto con que xogar esta partida na que estamos todos.
Aínda que certas pasaxes son inevitablemente duras, non é este un libro que invite á tristura. Pola contra, «está cheo de alegría e entusiasmo, con ducias de aventuras e cousas positivas, de fregados nos que me metín e souben resolver no momento exacto para poder saír adiante», subliña a súa protagonista. «Vouche pór un exemplo. Susi fixo vela adaptada no Náutico de Sanxenxo. Como non vía o mar, subiu a un bote de pintura para poder facer as probas. E a propia infanta Elena tivo que anicarse á hora de tomar a foto na que lle entregaba o título. Foi unha especie de reverencia á inversa», ri o xornalista.
Unha tirolina de trinta metros en Sao Paulo non puido con ela. Tampouco a encargada dun supermercado, cando impediu a un dos seus caixeiros botarlle unha man coa compra. Denuncia ao canto. Non sabía con quen daba. Dalgún xeito, aquela foi a chispa que hoxe arde entre estas páxinas, escritas coa correcta mirada.
Venres, 20 horas. A presentación do libro «¿Qué miras?» desenvólvese o venres, 8 de marzo, no Salón García de Vilagarcía. Interveñen Susi Maquieira, Fernando Salgado, Tania García, Sofía Beiras e o ilustrador Augusto Metztli.