A Media Maratón Entre Rías unirá O Grove e Sanxenxo o 19 de maio e repartirá máis de 3.000 euros

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A inscrición abrirá o 1 de abril, con prezos crecentes a medida que se achegue a data final para poder anotarse

24 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Concellos do Grove e de Sanxenxo veñen de unir forzas para impulsar unha nova proba deportiva ideada como escaparate dos dous veciños municipios turísticos. Da man de Nokao, empresa especializada na organización de eventos deportivos, a primeira edición da Media Maratón Entre Rías cubrirá o vindeiro 19 de maio a distancia entre o porto do Grove e o peirao deportivo de Sanxenxo.

A carreira, con saída ás 10.30 horas, levará os seus participantes a correr pola Illa da Toxa e a praia da Lanzada para cubrir os 21 quilómetros dun trazado que cruzará o litoral de ambos os dous concellos organizadores.

A Media Maratón Entre Rías poderá disputarse de maneira individual ou por substitución en parella. Tamén haberá a posibilidade, ese mesmo día, de correr unha distancia máis asequible, cunha proba de 10 quilómetros con saída na ermida da Lanzada ás 11.30 horas e meta no porto deportivo de Sanxenxo.

Pensando nos máis pequenos, a organización programou tamén un Entre Rías para rapaces de ata 13 anos o 18 de maio, no paseo marítimo do Grove, a partir das 17 horas e con inscrición gratuíta.

Para quen queira competir na media maratón, os prezos da inscrición son de 15 euros ata o 7 de abril, de 18 desde o 8 de abril ao 12 de maio e de 21 euros do 13 ao 15 de maio no caso dos corredores individuais, elevándose as cantidades a 24, 30 e 36 euros para os que corran en substitución en parella, respectivamente. Os que opten polo 10K deberán pagar 12 euros ata o 7 de abril, 14 do 8 de abril ao 12 de maio e 21 entre o 13 e o 15 de maio. O prazo para anotarse abriráse o 1 de abril ás 20 horas na web oficial da Media Maratón Entre Rías: www.entreriasmediamaraton.com.