O prazo de inscrición para a tradicional celebración vexetal da primavera xa está aberto, con rosca e axudas económicas
26 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai anos xa que o Concello de Vilagarcía apostou pola recuperación dos Maios coma a tradicional celebración da chegada da primavera, a verdadeira festa vexetal de Galicia, lonxe de abetos invernais e outras achegas da globalizada sociedade contemporánea. A capital arousá avoga, agora, pola restauración do espírito orixinal dos Maios, fuxindo de materiais coma o plástico ou os elementos metálicos na súa elaboración. A concellería de Cultura, que dirixe Sonia Outón, vén de abrir o prazo de inscrición para o evento deste ano, no que primarán os materiais naturais. Os participantes serán premiados cunhas boas roscas do país e unha axuda económica, en función do seu número de integrantes e a interpretación ou non das clásicas coplas satíricas.
Os Maios poden inscribirse en cinco categorías —cónicos, artísticos, cruz de maio, caixa e barco— a título individual tanto coma de xeito colectivo, con ou sen cantigas. A convocatoria, de feito, está aberta a unidades familiares, asociacións culturais, de mulleres rurais ou veciñais, colectivos en xeral e centros educativos. De ser este último o caso, só se poderán anotar ou ben a asociación de mais e pais de alumnos ou ben a dirección do centro.
Unicamente se inscribirá un maio por cada unha das cinco modalidades, e quen acompañe a súa composición floral dunha copla terá que presentar a letra antes do propio 1 de maio.
Todos os participantes recibirán rosca e as axudas en metálico, que oscilarán entre os 30 e os 150 euros asegún o número de integrantes do grupo e a incorporación ou non das cantigas. Non se prevé achega en metálico para as cruces de maio, as caixas e barcos que non teñan letras e conten con menos de catro persoas entre os seus elaboradores.
A festa en si hase desenvolver o mércores 1 de maio, a partir das 11.30 horas, no parque Miguel Hernández ou na Peixería no caso de que choiva. Tanto as bases coma o formulario poden consultarse en www.vilagarcia.gal e sede@vilagarcia.gal. O prazo rematará o 15 de abril.