![](https://img.lavdg.com/sc/kj9b6FsPxv3QOtu5DnRTlq1otgA=/480x/2024/04/06/00121712427124024322605/Foto/AA7C9F1_201035.jpg)
Luisito confía na capacidade do seu equipo de reivindicarse ante o Bergantiños
07 abr 2024 . Actualizado a las 08:46 h.O Arousa coprotagoniza na tarde de hoxe (As Eiroas, 18 horas), o partido estrela da vixésimo oitava xornada de Liga da Tercera R.F.E.F. Terceiro clasificado, con 46 puntos, cursa visita a un Bergantiños que comanda a clasificación con 60. A medio camiño dun e doutro, un Gran Peña Celta C con 53 puntos, tres deles sumados na única derrota encaixada no presente curso polo equipo de Carballo, e daquilo hai xa seis meses e medio, na xornada 3, cun 3-2 a prol do segundo filial do club olívico.
Seguramente, foi o Arousa o equipo que máis preto estivo de derrotar o Bergantiños nos 24 partidos de Liga que se sucederon despois no calendario do líder. O 19 de novembro, na undécima xornada, os de Luisito Míguez tiveron contra as cordas o hoxe de novo seu rival no seu paso pola Lomba. Ramis, de penalti, puxera o 0-1 no 45, pero Santi Figueroa devolvera a igualdade no marcador no 61 reafirmando a sensación de dominio local, ata que dous tantos de Longo e, xa no engadido, de Cano, materializaron unha sonora labazada na cara do Arousa. Un 1-3 final que cortou a mellor xeira de resultados do conxunto arlequinado no que vai de temporada, tres triunfos consecutivos, terminando por resultar un punto de inflexión que afogou as opcións do cadro vilagarcián de engancharse a unha pelexa polo título e o ascenso directo aparellado na que nunca estivo.
Parte deste estado de feitos e de cousas subxace nas palabras do adestrador do Arousa á hora de falar onte do partido desta tarde: «Vamos muy esperanzados en poder demostrarle al Bergantiños que estamos a su nivel. Ya lo demostramos aquí, lo que pasa es que ellos son mejores que nosotros en la liga regular».
![](https://img.lavdg.com/sc/HUU08ZZeHv0pC1Y5n1YSLtEL3I8=/x75/2024/04/05/00121712346303041493503/Foto/A_20240114_131233005.jpg)
Luisito recoñécelle ao seu rival que «es por méritos propios el mejor», remitíndose aos seus espectaculares números, que inclúen a mellor defensa do campionato, con 14 goles en contra, e o terceiro mellor ataque, con 40 tantos, dez máis cos que leva o Arousa.
A motivación máxima dos homes do conxunto vilagarcián dáse por feita por parte do seu adestrador: «Es un partido de los que gusta jugar. Para un futbolista, jugar este tipo de partidos es lo mejor que hay». E máis aló do rival, a cita nas Eiroas suma a consciencia dos xogadores arlequinados da necesidade de non fallar para seguir defendendo a súa terceira posición de cara a dispoñer do factor campo a favor na primeira das tres eliminatorias que tocará gañar se se quere aproveitar a segunda vía de ascenso, a da promoción. Gañar os dous últimos encontros, e fóra da casa, deulles a máxima confianza aos integrantes do vestiario da Lomba de cara a visita ao líder.
Como é norma nel, Luisito elude dar a menor pista sobre a estratexia que usará para levar o partido ao seu rego. Neste punto, limítase a sinalar: «Si estamos al nivel que yo creo que vamos a estar, evidentemente, el partido va a estar difícil para nosotros, pero también lo va a estar para ellos».
Nas filas arlequinadas, Borja Míguez volve ser a única baixa. No bando local, o técnico do Bergantiños non pode contar co mancado Álex Melide na medular, nin co punta Pedrosa, por acumulación de tarxetas.
A intención do Bergantiños é desfacer cunha vitoria o seu balance de sete triunfos e sete empates nas Eiroas, onde está a amosar demasiados problemas para crear ocasións de gol pese a dominar os seus duelos. O club coruñés entregoulles aos seus socios unha entrada de balde para vir cun acompañante e aumentar así a presión sobre o Arousa.