A actriz arousá vén de ser nominada aos María Casares grazas a un dos seus espectáculos
17 abr 2024 . Actualizado a las 13:46 h.Atenea García é artista dende sempre, dende aquela vez con seis anos na que a súa nai decidiu metela en Teatro Enxebre porque era ultratímida. «Lembro que unha profesora díxolle que tiña moitos problemas para relacionarme e suxeriulle que me metese en teatro», confesa. E neses primeiros anos coa compañía de O Grove decidiu que quería ser actriz. Así que, xa na infancia e a xuventude, a súa vida na vila arousá transcorreu entre bambolinas. Coa chegada do seu primeiro papel protagonista comezou a ver claro que podía dedicarse profesionalmente á escena e ingresou na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Atenea é actriz, narradora oral e creadora escénica, ademais dunha persoa con moitas inquedanzas e un gran talento que logra conectar co público. E está a punto de cumprir unha década subíndose ao escenario con Xarope Tulú, a compañía que fundou no 2015 xunto ao músico e escenógrafo Nicolás Zamorano, con propostas escénicas dirixidas na súa meirande parte ao público infantil. «O primeiro espectáculo que fixemos foi A miña primeira viaxe; era teatro de obxectos en pequeno formato, e estreámolo nunha sala que agora xa non existe», lembra.
Nos anos seguintes centráronse máis en contar e crearon, entre outros, A falta de pan, bos son contos, Estrafalaria, O Cardume, ou De Bruídos e Miañares, coa que introduciron a música. «Nico construíu os instrumentos que se utilizaban na peza». Logo chegaron os monicreques e, no 2018, a compañía pegou un salto con Nómades, unha función na que interviñan outras actrices. Un sen fin de propostas tan diversas como cativadoras, como De ti e mailo mundo que apañes, unha función arredor da obra da poeta Xela Arias, dirixida a un público xa máis adolescente.
Detrás de cada representación hai un arduo labor que non se ve, máis aló dos ensaios: a investigación, a montaxe da peza, e sempre moita lectura. O traballo ben feito sempre acada os seus froitos, así que toda esa implicación valeulle hai pouco unha nominación aos premios María Casares con A teteira de Kabul, un espectáculo de monicreques que conta a historia dunha nena que debe abandonar o seu fogar por mor do estalido da guerra en Afganistán, e que naceu dunha proposta de Acción Pola Paz. «Déronnos un conto do que fixemos unha dramaturxia e xa dende o principio vimos moi claro que tiña que ser un número de monicreques». Non obtiveron premio, pero esa nominación deulles visibilidade: «Agora estamos na Feira de Teatro, por onde pasan moitos programadores».
Compaxinar os espectáculos propios con papeis no Centro Dramático Galego
Como artista incansable que é, Atenea, compaxina actualmente os seus labores en Xarope Tulú cos papeis que lle saen no Centro Dramático Galego. Con eles comezou a traballar no 2019, actuando en Neorretranca e Posmorriña, unha obra de Gena Baamonde, xunto a outros nove intérpretes en escena. Agora ocupa o seu tempo cun pequeno papel na obra Os actos e as Profecías, dirixida por Tamara Canosa, e recoñece que «isto de ser só actriz é un regalo». Porque alí, no CDG, non ten que ocuparse da burocracia, a loxística, a montaxe, de ser directora, produtora, artista, todo o que require posuír un negocio propio que ten máis frecos que atender, pero que tamén aporta satisfaccións, e traballo todo o ano.
Ata o 26 de maio estará con esa obra no Salón Teatro de Santiago, e mentres tanto seguirá facendo matinés con Xarope. Se lle desen a elixir, quizais hoxe escollería ser soamente actriz, aínda que «a creación gústame moito», apunta. «Pero, claro, todo máis precario». Así que Atenea, aquela nena que foi detrás dos seus soños e logrou ser artista e vivir diso, non se ve facendo outra cousa. Quizais si explorando outros terreos na interpretación, ou dedicándolle máis tempo a indagar outros asuntos nos que hai tempo que vai recollendo testemuñas, como o da sexualidade nas mulleres maiores. Seguir investigando para crear novos espazos onde dar a posibilidade aos espectadores de reflexionar.