A CIG maniféstase o Primeiro de Maio en Vilagarcía para combater a pobreza laboral

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A central arremete culpa ás reformas laborais e aos sindicatos estatais de empeorar a calidade de vida da clase traballadora

26 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cúmulo de factores opera dende hai tempo para chegar a unha situación na que manter un posto de traballo deixou de ser a condición necesaria e suficiente para poder levar unha vida digna. Esta é a mensaxe coa que a Confederación Intersindical Galega prepara a conmemoración do Primeiro de Maio, xornada na que unha manifestación percorrerá as rúas de Vilagarcía.

«Atendendo ao informe que o INE publicou en febreiro, un de cada catro galegos atópanse en risco de pobreza ou exclusión social», subliñou Anxo Lúa, que encontra a explicación a este fenómeno crecente no medre «demoledor» dos contratos fixos descontinuos e de xornada parcial, produto directo das dúas últimas reformas laborais. A isto é ao que apunta o concepto de «traballo pobre» ou «pobreza laboral». A campaña do sindicato diríxese, este ano, á necesidade de reverter este estado de cousas e recuperar a dignidade do traballo.

Tanto Lúa coma Mar Vila recoñecen que non é doado atopar información veraz que permita apreciar unha radiografía correcta do mercado laboral actual. Con todo, a central vén de cruzar os datos estatísticos de distintos departamentos para chegar a unha serie de conclusións que consideran enormemente preocupantes: «Os datos do Servizo Público de Emprego Estatal reflicten que os contratos de traballo parciais aumentaron un 280 % nos últimos dous anos, período no que os fixos descontinuos pasaron do 19,8 ao 23,9 % do total de contratacións». Este feito, argumenta a organización, é consecuencia da reforma laboral do 2011 e o 2012, que «rachou os equilibrios entre a patronal e os sindicatos, primou os convenios de empresa fronte aos sectoriais, e abaratou e facilitou o despido».

Con todo, a CIG culpa tamén á reforma que o Goberno de coalición actual levou a cabo no 2021, «sen rematar coas medidas máis lesivas». Lúa sinala que fomentou novas formas de contratación con períodos de proba abusivos: «Estamos atopando xente coa carta de despido logo de cinco meses traballando baixo esta fórmula, un despido sen indemnización». Aínda peor, «o quinto acordo estatal de negociación colectiva acorda privatizar unha parte da sanidade, derivando ás mutuas as baixas por problemas músculo-esqueléticos que antes cubría a sanidade pública». O sindicato corresponsabiliza a UXT e CC. OO.

Vila engade unha grave dimensión de xénero: «O 75,5 % deses contratos parciais son asinados por mulleres, e o 42 % duraron menos dunha semana».

A mobilización partirá ás 11.30 da Casa do Mar

A manifestación que a CIG vén de convocar en Vilagarcía para o 1 de maio tomará a súa saída na Casa do Mar, como vén sendo habitual nos últimos anos. O que é unha novidade é o seu remate. No canto da praza de Galicia, o lugar escollido nesta ocasión é a rúa Covadonga, a fin de evitar o cruce coa mobilización conxunta de UXT e Comisións Obreiras.

Anxo Lúa aproveitou a presentación da convocatoria para subliñar que a nacionalista volve ser a central máis votada nas eleccións sindicais na comarca, con 227 delegados fronte aos 186 que acadou a UXT e os 178 representantes que obtivo CC. OO.