Teatro, libros, flores e música en Cambados no mes das letras galegas

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Isabel Risco actuará para os alumnos da ESO coa obra «Bravas»
Isabel Risco actuará para os alumnos da ESO coa obra «Bravas» Ana García

O Concello prepara un amplo programa de actividades que arranca o martes cun festival

04 may 2024 . Actualizado a las 18:54 h.

Baixo o título «Maio, mes das nosas letras», o Concello de Cambados programou unha morea de actividades que inclúen citas coa música, o teatro e a literatura e que está pensado para públicos de todas as idades, segundo indicou o concelleiro de Cultura, Liso González.

As actividades arrancan o martes 30 de abril ás 11 horas coa celebración do tradicional festival dos maios no parque de Torrado, que terá continuidade ao día seguinte, á mesma hora e no mesmo lugar. O día 2 ás 20 horas, tamén en Torrado, presentarase Aladas, de Lara Rey; o día 3 ás 21.30 horas no auditorio municipal, Abázcaro Teatro subirase aos escenario con Dantescos, e o día 8 ás 20 horas na Casa da Calzada, Exidio Cuíñas presentará o libro Serei os teus ollos en Idomeni.

O teatro volverá o día 10 cun ciclo de tres representacións da obra Bravas, de Isabel Risco, dirixida aos estudantes da ESO dos dous institutos da vila e do colexio salesiano; ese mesmo día, pero pola tarde, terá lugar a primeira das tres actuacións musicais programadas para maio, que comezan co conservatorio de música de Lalín, ás 18.30 horas na praza de Fefiñáns.

O luns 13 inaugurarse no paseo da Calzada a exposición Orgullo da nosa lingua, o mesmo lugar onde o 16 maio farase a tradicional ofrenda e a exposición de murais a cargo dos centros de ensino; Bea Campos sumarase á cita con Os contos nas orellas. Xa pola tarde, ás 20 horas na Casa da Calzada, Ramón Caride presentará o libro Inehisciencia.

O propio día das Letras, o 17 de maio, farase ao mediodía a tradicional ofrenda floral ante a escultura dedicada a Ramón Cabanillas que dará paso, ás 13 horas, ao concerto da Banda de Música de Castrelo no parque de Torrado; ás 18 horas será a quedan do Festival Con de Xido.

O foco de atención trasladarase o sábado 18 á praza do Con en San Tomé coa posta en escena, ás oito da tarde, de De Vilatriste a Vilalegre, de Teatro ó Cubo e o seu Furgón Utópico. O xoves 23 haberá motivo para volver alí ás 19.30 horas para asistir ao concerto «Música e versos» que ofrecerá a banda xuvenil do conservatorio de Cambados coa colaboración de escritores e artistas da vila. O 24 será a quenda do grupo de música de cámara do conservatorio municipal de Valga, que actuará á 20 horas no auditorio de A Xuventude.

O día 25 volven cobrar protagonismo os libros coa presentación, ás 20 horas na Casa Calzada, de Atlántico Norte, chamádeme Ismael de Xosé Iglesias. O broche ao «Maio, mes das nosas letras» será no Espazo Torrado o día 31 coa inauguración de Artsorey.

A programación foi organizada polas concellerías de Cultura e Normalización Lingüística co obxectivo de entreter á veciñanza con propostas culturais e celebrar «a grandeza de ter unha lingua propia», apuntou González.