Vilagarcía adorna as rúas da cidade para recibir a Festa dos Maios que se celebrará o día 1

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Na festa que haberá no Parque Miguel Hernández participarán cincuenta composicións florais correspondentes a 22 colectivos e persoas a título individual

27 abr 2024 . Actualizado a las 21:41 h.

A Festa dos Maios de Vilagarcía contará con cincuenta composicións florais correspondentes a 22 colectivos e persoas a título individual inscritas na edición deste ano. A celebración desenvolverase o mércores, 1 de maio, a partir das 11.30 horas no Parque Miguel Hernández, e contará coa tradicional interpretación das coplas típicas desta festa e a exhibición dos maios. Os traballos deben permanecer expostos ata as 20.30 horas. En caso de choiva, a celebración trasladaríase á Praza da Peixería.

Entre os participantes inscritos este ano hai seis ANPAs, unha agrupación, dous centros educativos, unha asociación cultural, a residencia de Anciás Divina Pastora e once persoas a título individual.

Tal e como sinalan as bases, cada participante pode presentar un maio por cada unha das cinco tipoloxías previstas. As máis numerosas son, como sempre, a dos maios cónicos e artísticos (13 traballos de cada modalidade), seguidos dos máis sinxelos das caixas (11 maios), cruces de maio (8) e barcos (5).

Todos os participantes recibirán rosca, e a suma das axudas en metálico oscilarán entre os 30 e os 150 euros en función do número de integrantes do grupo e de si interpretarán ou non coplas. Non se prevé achega económica para as cruces de maio, caixas e barcos que non aporten coplas e conten con menos de catro persoas.

Para ir creando ambiente, os maios xa están presentes nas rúas de Vilagarcía dende o venres grazas á decoración elaborada polo servizo municipal de Xardíns, que distribuíu grandes maos cónicos por diferentes lugares do centro urbano. Fiúncho, cornos, margaritas, rosas silvestres, ovos, millo, froitas, cortiza de árbores e cunchas son algúns dos materiais naturais utilizados nestes traballos de fonda tradición popular.