O Arousa xogaráse o domingo contar co «desempate de ouro» fronte á UD Ourense

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

No hipotético caso de rematar os 180 minutos e a prórroga coa eliminatoria igualada, o equipo mellor clasificado na Liga pasará automaticamente de rolda, sen quenda de penaltis

07 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa arrincaba onte unha derradeira semana de liga regular con tantas certezas resoltas coma incógnitas inda por despexar de cara a iniciar a súa viaxe pola vía secundaria con destino a Segunda R.F.E.F.

Ratificado un par de semanas atrás o ascenso directo do Bergantiños, que constatou a súa condición de mellor equipo galego da Tercera R.F.E.F. sen lugar á menor discusión, o Arousa despediuse o pasado domingo das súas últimas opcións de aproveitar o pobre final de campionato que está a protagonizar o Celta C Gran Peña, coincidindo co anuncio do club de Primera División do punto final á relación deportiva entre ambas as dúas entidades. Co seu primeiro triunfo tras cinco empates e unha derrota, 0-2 ante o Silva, o Gran Peña, con 3 puntos máis co equipo que dirixe Luisito Míguez, selou o segundo posto final ao contar co diferencial particular ao seu favor.

A vitoria sobre o Atlético Arteixo, 2-1 con gol final de Rubo no minuto 82, non lle bastou sequera ao Arousa para chegar esta vindeira fin de semana á derradeira xornada de Liga co terceiro posto no peto. A U.D. Ourense deu outra mostra do grande estado de forma no que chega ao treito decisivo da temporada e, impulsada polo seu cambio de adestrador, discutirálle ao conxunto vilagarcián o terceiro posto ata o último partido logo de vencer 3-0 a un Paiosaco-Hierros que inda así, mantén a esperanza de evitar o descenso. A vantaxe do Arousa sobre a U.D. Ourense é de 3 puntos, co cadro da cidade das Burgas, cuarto na clasificación, plantándose na derradeira xornada coa motivación de saberse con opcións de desbancar in extremis os de Luisito.

Nunha das moitas demostracións da súa falta de competitividade este ano ante os seus rivais directos, o Arousa perdía o 21 de abril o diferencial particular coa U.D. Ourense logo de encaixar un 4-1 no Couto que superaba con creces o 1-0 do duelo na Lomba en decembro. Así pois, se o cadro ourensán consegue superar este domingo o Alondras a domicilio e o Arousa perde en Viveiro, será a U.D. a que conte co factor campo ao seu favor na primeira eliminatoria da fase de ascenso que enfronte aos hoxe rivais polo terceiro posto.

No caso que toca, o factor cancha vai moito máis aló do feito de disputar o duelo de volta en campo propio. No hipotético caso de rematar os 180 minutos e a prórroga coa eliminatoria igualada, o equipo mellor clasificado na Liga pasará automaticamente de rolda, sen quenda de penaltis.