![](https://img.lavdg.com/sc/pOJZ33PQ5EPHtRE75uMEZkImOxs=/480x/2024/05/11/00121715423180383349174/Foto/66.jpg)
Os salgueiros son testemuñas do abandono do medio rural
12 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A actual lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia non está a solucionar as necesidades do mundo rural, seguramente non pola lei en si, senón pola falta de achega de medios económicos, técnicos e persoais que provoca que o proceso de concentración parcelaria pareza eterno e quede a maior parte do territorio galego sen acceder a el. Temos dito que esa reorganización nos parece tan prioritaria como Educación ou Sanidade, porque é vital facer rendible a propiedade agraria e que a poboación rural viva con decencia da inmensa riqueza que son as terras cultivables, todo nun entorno sustentable. Faltan medios, si, pero hai que incidir na ausencia de sensibilidade amosada polas Administracións Públicas. A iniciativa para mellorar a estrutura da propiedade agraria é da Consellería de Medio Rural pero tamén se pode acometer mediante solicitude dos Concellos. No Salnés só se avanzou algo en Cambados, Meis e Ribadumia. No caso do Grove resulta evidente que a corporación —que acotío se enlea en debates grandilocuentes sen vir a conto— debería tomar esa iniciativa e pedir a mellora da estrutura agraria para a parroquia de San Vicente, Estoño e Meloxo, con moitos espazos protexidos e cun abandono da ancestral actividade agraria. O mesmo se pode dicir da maioría dos concellos do Salnés. A fuxida do rural maniféstase na vexetación: as terras de cultivo agora son bosques impenetrables, moitos afectados por normas de protección ambientaque fan difícil o retorno á dedicación agrícola, esquecendo que esa paisaxe actual non é a tradicional, senón a producida por unhas poucas ducias de anos de fuga da xente da vida nas aldeas. E hai un xénero vexetal que se transformou no indicador dese abandono: o salgueiro, que tamén dou topónimos e ata apelidos. Pola nosa contorna crecen, unhas domesticados e outras salvaxes, dúas especies: o negro (Salix atrocinerea) e a vimbieira (Salix viminalis). A denominación, Salix, vén do latín pero con orixe en dúas palabras celtas, segundo sinalan H. Niño e C. Silvar na Guía das árbores de Galicia, -ed. Baía edicións, 2001-: «Al», próximo e «Lis», auga, por creceren estas plantas cerca da auga. Tanto unha especie como a outra na súa cortiza son ricas en taninos e en salicilina que deu nome ao ácido acetilsalicílico, compoñente da famosa Aspirina. O salgueiro valía para fixar as beiras dos cursos de auga ou para combustible e a súa casca usouse tamén nos curtidos —parece que tinguía dun lixeiro azul—. A vimbieira era empregada para atar as vides ou en cestaría. Tamén daba boas varas do gando ou, que lembranzas, para que os mestres puidesen manter a orde nas aulas, aínda que, que malos, a primeira vareada reservábase para quen achegaba o vimbio. As vimbieiras, despois de permanecer no outono e nos inicios do inverno semellando fachos de lume nas estremas das brañas, eran podadas entre xaneiro e febreiro. Estas dúas especies manifestan de xeito diferente o abandono do mundo rural. O salgueiro, ao que ninguén lle ve agora ningunha utilidade, inzou a maior parte das terras labradías e todas as brañas das que os propietarios se desentenderon facendo imposible o acceso a elas. As vimbieiras, en vez de mantérense recortadas e a unha altura que permita podalas comodamente, transformáronse en árbores de máis de 10 metros de altura, porque agora, nin sequera onde se cultivan as vides se empregan vimbios, poucos saben facer cestos, e tampouco se entende a diferencia de cestos e cestas —nin a RAG!—, nin cales son os canastros. Así que o salgueiro invadindo todos os lugares, e as vimbieiras crecendo como árbores altas, son testemuñas do abandono do rural e fan que vexamos ese esquecemento, o desamparo e o descoido dunha riqueza e dun hábitat humano sustentable, ao que é preciso non seguir desprezando. Vainos futuro nisto.