Cambados celebrará a cuberto os actos das Letras Galegas polo risco de chuvia

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Estréase na Calzada unha exposición para saber máis sobre o galego

16 may 2024 . Actualizado a las 15:58 h.

A concellería de Cultura e Normalización Lingüística de Cambados levará a cuberto os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas. O acto cos centros de ensino previsto para o xoves na Calzada trasládase para o salón Peña. Alí celebrarase tamén a actuación de Con de Xido do venres (18 horas), mentres que o concerto da Banda de Castrelo (13 horas) será no auditorio municipal.

A programación continuará o sábado ás 20 horas co Furgón utópico do Vilatriste a Vilalegre, que chega coa súa proposta teatral á praza do Con, o mesmo lugar onde se vai celebrar o xoves 23 o concerto Música e Versos.

As actividades das letras galegas continuarán o venres 24 cun concerto do conservatorio de Valga, o día 25 coa presentación do libro Atlántico Norte. Chamádeme Ismael, de Xosé Iglesias, e o venres 31 coa última representación de Bravas no colexio de A Mercé e a inauguración de Artsorey en Torrado.

O máis inmediato pasa polos actos de xoves. Mentres os nenos desfrutan cos Contos nas Orellas de Bea Campos en Peña, no auditorio municipal actuará para os estudantes de secundaria Isabel Risco con Bravas. Pola tarde, ás 20 horas, Ramón Caride presenta na Casa da Calzada o libro Inehisciencia.

Ademais, o paseo acolle ata o venres unha exposición de Política Lingüística titulada «Orgullo da nosa lingua» que permite coñecer máis sobre a realidade do galego mediante uns paneis e códigos QR. Mañá recibirá a visita do colexio Magariños.