Os cativos dos colexios protagonizaron onte os actos da festa do 17 de maio
17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O 17 de maio chega cargado de actos e mirando ao ceo ante a previsión de chuvia, pero os concellos son previsores e teñen plans b para levalos a cuberto. Estas son as principais citas do Día das Letras Galegas hoxe na comarca logo dunha manchea de actividades desenvolvidas onte polos colexios.
vilagarcía
En Carril. Carril volve a ser o epicentro da celebración. A xornada arranca ás 11 horas cun pasarrúas do grupo de baile tradicional da Escola Gato Negro e Malveiras. Ás 12 terá lugar a ofrenda floral ante o busto de Rosalía de Castro e ás 13 horas pecharase a celebración co concerto de Xosé Duarte. En caso de chuvia, os actos celebraranse na sede do Gato Negro.
cambados
Flores na Calzada. A tradicional ofrenda floral no paseo da Calzada, ao pé da escultura dedicada a Cabanillas, está anunciado para as 12.30 horas. Pola tarde, ás 20 horas, será baixo as siglas do BNG cando se volvan depositar flores no mesmo lugar e leranse textos de Luísa Villalta.
A Banda de Música de Castrelo ofrecerá ás 13 horas o concerto das Letras Galegas no auditorio e pola tarde, ás 18 horas no salón Peña, actuará a asociación Con de Xido.
vilanova
Para nenos e maiores. Hoxe ás 12 horas actúa Caxoto na biblioteca municipal —en caso de chuvia será na antiga igrexa da Pastoriza— e ao día seguinte a cita está no auditorio municipal para asistir á representación da comedia Cerrado por Bronca, do grupo de Teatro O Noso Lar.
A Illa
Letras no mar. Onte quedaron xa colgados no magnolio do Xardín das Mulleres da Conserva os «atrapasoños» elaborados polos nenos e hoxe colle a batuta da Festa das Letras a asociación cultural Dorna. Ás 12 horas sairá un pasarrúas cos grupos de gaitas desde a Escola de Pau ao Regueiro e darase lectura a un pregón con exposición de traballos escolares. En caso de chuvia a música levarase para a praza de abastos. Tamén está prevista a botadura das embarcacións Uxía e Dominga, se o tempo é propicio.
Meis
Teatro. Logo do éxito dos cantares galegos con ukelele, para este sábado programouse unha obra de teatro, Dime con quen vives e... do grupo Alecrín, que poderá verse no auditorio a partir das nove da noite.
MEaño
Entrega de agasallos. O centro cultural de Dena acolle a partir das 12.30 horas a actuación da asociación cultural Penaguda, o concerto Sementes Musicais e o acto de entrega de agasallos do concurso de murais, debuxos e relatos.
ribadumia
Música no día do socio. A Agrupación Músico Cultural de Ribadumia ofrece un concerto este sábado, ás 20.30 horas, no auditorio municipal que se aproveitará como día do socio para renovar os carnés.
catoira
Homenaxe a Luísa Villalta. O Concello de Catoira vai celebrar hoxe un concerto homenaxe a Luísa Villalta da man á Banda de Música e á Escola de Teatro municipais da vila vikinga. A gala será no auditorio municipal ás oito da tarde, con entrada de balde, e mesturará cinco pezas de autores galegos xunto con presentacións teatralizadas.
valga
Lectura co PSOE. Logo dos actos organizados polo Concello, hoxe ás 20 horas toma o protagonismo o PSOE cunha lectura da obra de Luísa Villalta e unha charla a cargo de María Ferreirós sobre a traxectoria das mulleres galegas nas letras. O BNG agardará ao día 25 para facer a súa festa das letras.
O Grove
O mal tempo obriga a suspender parte dos plans. A Feira do Libro non se celebrará na rúa Xacobe Barral Otero como estaba previsto, pero o Espazo Lector Nobel, encargado da mesma, abrirá as súas portas e aplicará descontos para os libros en galego. O espectáculo As chaves de Lu queda adiado para o 31 de maio, así como tamén o pasarrúas a cargo de Paradanda.