De que o Día das Letras Galegas non é o Día da Lingua

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

M. MORALEJO

O 17 de maio ten que servir para facer penetrar o uso do galego en todas as actividades

26 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que xa pasou o 17 de maio, vou insistir no que, desde aquí e noutros foros, hai xa varios anos, veño afirmando: o Día das Letras Galegas hai que cambialo porque así entendido xa non cumpre ningunha función e seguramente está a ser pernicioso. Actualmente, Administracións diversas, asociacións e colexios enchen as rúas de enxebrismo, e pouco máis —nalgún casos descoñecendo e violando incluso a propia lingua—. Para a sociedade en xeral está a ser data para facer ponte de vacacións. O 17 de maio, festivo oficial en Galicia desde 1991, semella que pretende recluír, pechar, enclaustrar, acurralar o galego na Literatura. Convén, por tanto, matinar en se se alcanza por ese camiño o obxectivo para o que foi instaurada esta conmemoración e, para iso, hai que lembrar como naceu. A idea xurdiu en 1963 cando Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, aproveitando que ese 17 de maio cumpríanse cen anos da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, propuxeron á Real Academia, redactando en galego aínda non normativo, a instauración dunha celebración anual, indicando que «O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega». E seguiron a dicir: «Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas». Nesas datas non se celebraba aínda o Día do Libro, que empezou en 1989. O enfoque deses propoñentes foi máis o de honrar os libros escritos en galego, que á literatura, entendida como obra de ficción —novela, poesía—. A Real Academia Galega aprobou por unanimidade a proposición e acordou declarar o 17 de maio como Día das Letras Galegas. Desde esa data a RAG decide a que personalidade literaria se lle consagra ese día cada ano. Non o fai para honrar libros en galego, como era a proposta inicial, senón, como di o artigo 2, apartado g, dos seus Estatutos (BOE 31 de marzo de 2000) —que haberá que modificar— para honrar a un literato. Así que a amplitude da proposta inicial de «honrar ós nosos libros», ou de «recoller o latexo material da actividade inteleitual galega», quedou limitada, capada, restrinxida, ao ámbito da literatura. Como se o galego non fose lingua apta para as demais ciencias, técnicas e actividades. O principal e incansable activista actual da lingua galega, Xosé González Martínez (Teis, 1950), —medalla Castelao 2004 ou premio da Cultura Galega 2020, mestre pragmático da defensa do noso idioma— vén publicando reflexións afirmando que é necesario non limitar esta celebración ao literario, senón que é imprescindible regaleguizar outros ámbitos sociais ocupados polo castelán: a Medicina, a Economía, o Dereito, a Lingüística, a Informática, o comercio, a industria. Propón, tan acertadamente, cambiar o nome desta celebración por «Día da Lingua Galega» porque, con toda evidencia, o noso idioma non serve só para a literatura e hai que retomar a proposta primixenia de Fernández Del Riego de honrar neste Día a toda a actividade galega, non só á literaria. Como di Xosé González: «A alternativa ao Día das Letras ten que ser outro máis aberto a outras realidades máis decisivas da vida das xentes. O que no seu día foi un acerto, hoxe é unha rémora para avanzarmos nos usos lingüísticos».