O piragüismo arousán suma cinco internacionais máis para o Campionato de Europa de Maratón
AROUSA
Tono Campos, Tania Álvarez, Candela Romero e Kevin Longo proclamáronse campións de España individuais en Castrelo de Miño
09 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A primeira xornada do Campionato de España de Maratón no encoro ourensán de Castrelo de Miño rematou onte cun excelente balance para o piragüismo arousán. Oito medallas, a metade delas en forma de títulos, e media ducia de padexeiros clasificados para formar parte da selección española que acudirá ao Campionato de Europa de fondo, do 25 ao 28 de xullo en Poznan, Polonia.
Na categoría raíña, a sénior, o protagonismo arousán veu da man das tres figuras internacionais de maratón do Breogán do Grove. Tono Campos quitouse a espiña cravada o día anterior na regata selectiva para a distancia curta conquistando o título nacional do C1 nun esprint final co seu compañeiro Diego Romero dilucidado por 74 centésimas de segundo tras 22,6 quilómetros de pelexa na auga e nos porteos en terra. Manuel Garrido, do Kayak Tudense, entrou terceiro a case un minuto e medio. Campos e Romero acudirán así á cita continental, na que este último dobrará tras facerse cunha das dúas prazas do equipo español no C1 de distancia curta, podendo mesmo competir os tres días da cita en Poznan se esta mañá consegue con Campos un dos dous primeiros postos na final nacional do C2.
A tamén breoganista Tania Álvarez tivo que espremer ata a última pinga da súa enerxía para impoñerse no final a tres con Arantxa Toledo, do CP Cuenca, e con Irati Osa, do Itxasgain. A grovense coroouse raíña do K1 feminino do piragüismo de fondo español cun crono de 1.58,14 tras 26,2 quilómetros, chegando no mesmo segundo cas súas competidoras.
Kevin Longo, do Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga, fíxose co título nacional do C1 Sub 23 en 1.27,43, nunha regata que gañou con contundencia e 20 segundos sobre o subcampión, Darío Sánchez, da EP Aranjuez. O seu compañeiro de club Iker Rey fíxose coa prata no C1 Júnior, superado por 8,46 segundos por Xoel Correa, do Kayak Tudense, pero o posto valeulle para poder enfundarse tamén a camisola da selección española na primeira gran cita internacional de maratón da temporada. Jaser Antonio Silva, do Breogán, foi bronce no C1 Júnior, máis de medio minuto por detrás de Rey.
Candela Romero, do Náutico Pontecesures, acudirá ao Europeo de Poznan coma campioa do C1 Júnior feminino. A súa compañeira Sara Vila foi bronce.