O vilanovés Manuel Fontán disputa o Europeo de Esprint

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Busca hoxe o pase ás finais do C1 1.000 e do C2 200

13 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato de Europa de Esprint é, esta semana, a primeira das grandes citas internacionais que este ano disputará o padexeiro vilanovés do Club Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán. Unha cita que se disputa desde hoxe e ata o domingo nunha das grandes pistas mundiais do piragüismo, a situada na localidade húngara de Szeged.

Manuel Fontán tentará pelexar por, a lo menos, meterse en dúas finais. As do C1 1.000, barco do programa olímpico, e a do C2 200, na que compite xunto ao seu compañeiro de club Adrián Sieiro.

Manuel Fontán fará a súa estrea na cita de Szeged esta mañá, na segunda das dúas series de clasificación da canoa individual, con saída ás 9.27. O seu primeiro reto, finalizar entre os tres primeiros para acceder directamente á final polas medallas do sábado, desde as 11.33 horas, e evitar o desgaste dunha semifinal programada para mañá venres ás 9.06. O vilanovés deberá padexar pola rúa 1, nunha serie na que se medirá ao británico Jonathan Jones, ao moldavo Serghei Tarnovschi, ao italiano Nicolae Craciun, ao checo Martin Fuksa, ao polaco Wiktor Glazunow, ao letón Roberts Lagzdins e ao bielorruso Ivan Patapenka.

Con apenas dúas horas de recuperación, Manuel Fontán deberá facer o propio xunto a Adrián Sieiro na primeira das dúas series de clasificación do C2 200, programada para as 11.35. A final disputaráse o sábado ás 17.16, coa semifinal fixada para este mesmo día, ás 11.10.

Noel Domínguez, no C2 1.000

O Europeo de Esprint conta cun terceiro padexeiro dun club do Salnés. O madrileño do Breogán do Grove Noel Domínguez persegue esta mañá xunto con Martín Jácome, do EP Ciudad de Pontevedra, o pase á final de mañá do C2 1.000. A súa estrea, na segunda serie, ás 11.01 horas.