Dos camaradas loureiros

La Voz VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Dende tempos inmemoriais, o loureiro vén sendo un galardón ben barato

23 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O loureiro debe ser a árbore máis caseira que se coñece e aínda estando tan connosco, pouco sabemos dela. O nome chegounos desde o occitano, que o collera do latín e o latín dun céltico lawr ou blawr que significaría verde. Nun dos elegantes artigos de J. R. Alonso De la Torre nestas páxinas contou, cunha especie de retranca cariñosa, que as conferencias retribúense —como moito— cunha figura de Sargadelos, como se a cultura, antes e hoxe, non reflectise un traballo de calidade e un tempo inxente. Ese costume inmemorial está relacionado co loureiro, un galardón ben barato. Resulta que a palabra laureado chegou a nós porque os coñecidos como Xogos Florais, —xa se celebraban no maio na antiga Roma, recibíanse flores de trofeo e tiñan de bo o desenfreo sexual—, renaceron en Toulouse no século XII e neles coroábase aos autores das mellores composicións en lingua occitana… Cunha rama de loureiro, como se facía na Grecia clásica. Con ela tamén se entronizaron César, Napoleón e outros militares, que, claro, recibían outras prebendas. Por certo, Napoleón ten un mal recordo do loureiro porque nunha batalla o cociñeiro maior ordenou a un soldado recoller follas para condimento e trouxéronllas de adelfas, que provocaron a morte de parte da tropa. Lin en algures que loureiro conformou a palabra bacharelato, —bacca laureatus din— pero se cadra non é así porque tal verba procede do francés bachelier, que vén sendo un mozo que aspira a cabaleiro, unha boa metáfora para os rapaces que nestes días andaron a voltas coa EBAU.

Esta árbore, de pés machos e femias, leva na Terra máis de vinte millóns de anos e vai asociada a climas temperados con humidade. Arestora en Galicia é ventureira, nace de semente, caída ou levada polos paxaros, e de raíz. Reflicte o mundo agrario abandonado. Un exemplo, fermoso, témolo na illa de Cortegada onde se formaron bosques dunhas cinco hectáreas, parecidos aos das Azores, Madeira ou Tenerife, e nos que debaixo deles só medra a hedra. Crece nas terras de labranza abandonadas a principios do século XX e, por iso, teñen uns oitenta anos, a metade da dalgúns carballos desa mesma illa. Agora mesmo, no lugar de Campos, no Grove, ás beiras do regato Rasoeiro, prospera outra desas fragas, tamén relacionada co abandono das leiras.

Esta árbore, camarada dos humanos, dou lugar a topónimos como Loureiro, Louredo, Lourizán, Lourido ou Lordelo e ao apelido Loureiro que, na nosa comarca, é abondoso en Catoira, co maior número de toda Galicia.

O uso culinario do loureiro segue vivo: nos supermercados, a carón de especias exóticas, hai botes con follas esnaquizadas e non existe casa que non o empregue. Recordo vividamente o seu aroma e crepitar cando se afumaban os chourizos como un ritual máxico, días despois da matanza: logo de embutilos, colgábanse as restras frescas nunha especie de emparrado a máis dun metro de altura sobre a lareira. O primeiro día, só o primeiro, afumábanse con ramas de loureiro acabadas de cortar, buscando desinfectalos, curalos e aromatizalos; nas xornadas seguintes só nunha se podería volver empregar leña desa árbore e o resto, uns dez días, queimábase madeira de carballo. Aínda, que sexa por moito tempo, úsase para ferver patacas coa tona, ou nos guisos e estufados de carne e para cocer crustáceos: eses mariscos non saben o mesmo sen unhas folliñas de loureiro. Ata hai quen as pon no arroz con leite!.

O loureiro vai asociado a moitas crenzas populares como árbore sandadeira porque disque emana efluvios para evitar infeccións, preservar de desgrazas e escorrentar raios e treboadas. Vale para todo. O culto ao loureiro foi tan importante en Galicia que o Segundo Concilio Bracarense, ano 572, reino suevo, prohibiu rodear as casas con el. Non se lle fixo caso ningún; e os construtores practicaron a cerimonia de celebrar o ramo colocando no cumio da nova casa varias pólas de loureiro como símbolo de triunfo e para expresar desexos de ventura e protección. E agora mesmo, nas nosas Rías Baixas, proliferan os loureiros, mal chamados furanchos, que se distinguían por colocar un ramo na entrada. Por e para algo sería.