Os Xoves de Códax acenden un novo verán de fusión musical e solidariedade

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Miguel Poveda e Miguel Lamas protagonizan unha noite absorbente de flamenco, que tivo como escenario o salón das adegas

12 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Por undécima ocasión xa, Martín Códax inaugura unha tempada na que a fusión musical dá a man á solidariedade mellor entendida. O ciclo Os Xoves de Códax, capaz de esgotar as súas entradas en minutos, constitúe unha das citas culturais máis agardadas no verán do Salnés, que onte arrincou co encontro entre o batería Miguel Lamas e o artista flamenco Miguel Poveda. Non na terraza, desta volta, senón no salón.

Lamas é un dos baterías máis recoñecidos do panorama musical español. Percusionista dende os catro anos de idade, ten traballado con bandas e solistas coma Dani Martín, Melendi, Pablo Alborán, Manuel Carrasco, Amaia Montero, Míriam Rodríguez, Abraham Mateo, Zahara ou Raimundo Amador.

Poveda, pola súa banda, emprendeu a súa exitosa carreira hai trinta anos. Unha traxectoria na que acadou galardóns coma o Premio Nacional de Música, a Cátedra de Flamencología de Jerez de la Frontera, o la Medalla de Andalucía. A súa mestura do flamenco con xéneros coma a canción andaluza e mexicana ou o tango é unha das marcas de identidade da súa obra. Entre o nutrido público, o conselleiro de Cultura, José López.

A recadación de cada Xoves será destinada a unha organización non gobernamental. No caso de Lamas e Poveda, trátase da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e Outras Enfermidades (ACEM).

Ao longo das dez edicións anteriores, o ciclo conseguiu reunir máis de 220.000 euros que foron distribuídos entre diferentes asociacións solidarias da contorna da adega e do resto de Galicia.