O vilagarcián Pedro Torrado cólgase o bronce mundial no C2 500 Sub 23 Mixto
AROUSA
Manuel Fontán, Jairo Zurita e Nerea Novo disputan cadansúa final na xornada de clausura deste domingo na pista de Plovdiv
20 jul 2024 . Actualizado a las 18:38 h.Pedro Torrado, padexeiro vilagarcián do As Torres-Romaría Vikinga de Catoira, abriu este sábado o seu palmarés internacional. No Campionato do Mundo Júnior e Sub 23 de Esprint, colgouse a medalla de bronce na proba de C2 500 Sub 23 Mixto xunto con Claudia Couto, canoísta da Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra.
Na pista de Plovdiv (Bulgaria), Torrado e Couto ofreceron unha actuación de menos a máis, amosando un gran rendemento na segunda metade da final. Unha evolución que lles permitiu escalar do sexto posto que ocupaban no ecuador da regata ata o terceiro en meta, cun crono de 1.54,067. A 602 milésimas de segundo dos moldavos Mihai Chihaia e Elena Glizan, prata en 1.53,465, e con 704 de vantaxe respecto aos polacos Kacper Sieradzan e Patrycja Mendelska, cuartos en 1.54,771. Os rusos Aleksandr Bots e Ekaterina Shliapnikova gañaron o título con autoridade, cun tempo de 1.52,570.
As finais da cuarta xornada do Mundial contaron con outros tres barcos con presenza arousá. Valeria Oliveira, grovense do Piragüismo Poio, rematou cuarta no C4 500 Sub 23 Feminino en 1.53,363, moi lonxe do bronce que se axenciou a canoa canadiana en 1.52,104. Lara Remigio, padexeira do Náutico O Muíño de Ribadumia, disputou dúas finais en pouco máis dunha hora, rematando en ambas as dúas, a do C4 500 Júnior Feminino e a do C2 500 Júnior Mixto, novena e última.
Este domingo, na xornada de clausura, o piragüismo arousán dispón de tres bazas para engordar o botín dunha prata e dous bronces acumulado nos dous primeiros días de reparto de medallas.
Ás 12.07 —horario peninsular—, Jairo Zurita (As Torres-Romaría Vikinga) e Martín Expósito (E.P. Ciudad de Pontevedra) disputan a final do C2 1.000 Júnior. Nada máis rematar, o vilanovés do Náutico O Muíño Manuel Fontán, prata o venres no C2 500 Sub 23 xunto co pontevedrés Martín Jácome, iniciará o asalto ao título do C2 1.000 Sub 23 co tamén lerezano Pablo Crespo, o mesmo que onte se facía coa prata no C1 1.000 Sub 23 tres semanas antes da súa estrea olímpica en París no mesmo barco. Nerea Novo, do Náutico Pontecesures, pechará a participación arousá en Plovdiv xunto a Ulises Colastra, do E.P. Aranjuez, no relevo mixto do C1 5.000 Júnior.