a
25 jul 2024 . Actualizado a las 20:30 h.O 25 de xullo, a Fundación Manolo Paz acolle o concerto benéfico en favor do Banco de Alimentos Rías Baixas, evento que conta coa colaboración do Concello de Cambados. Na entrada do recinto habilitarase un punto de recollida de alimentos para que os asistentes, ademais de colaborar comprando a súa entrada, poidan entregar produtos non perecedoiros no propio día. Será a música de Belem Tajes quen acompañará a xornada musical xunto coa beleza artística e paisaxística da Fundación Manolo Paz.
As portas abren ás 19 horas para que os asistentes poidan visitar a fundación e gozar do espazo que alberga as obras do escultor Manolo Paz. O concerto dará comezo ás 20 horas. As entradas están dispoñibles na web de Paco & Lola a un prezo de 15 euros.
Cambados antecede así o que se considera un dos concertos do verán para o municipio: o concerto do artista madrileño Recycled J, quen xa esgotou as entradas para o seu show. Retornando a Galicia tras o seu paso o ano pasado polas festas da Peregrina de Pontevedra, Recycled J volve coa súa xira Casanova. Os asistentes ao concerto esperarán que cante os temas máis célebres de dito disco, ademais das colaboracións tan míticas baixo o nome de Hijos de la Ruina con Natos y Waor.
Concerto en barco no Grove
Ademais, a ría de Arousa volve ser o escenario perfecto no que aproveitar a música en directo e o solpor no mar como pano de fondo. A cita no barco de Son & Sal é o venres 9 de agosto, e Catuxa Salom será quen poña banda sonora a esta viaxe musical, unha proposta caracterizada pola fusión do folclore galego e da electrónica. Paseo en barco, cena e concerto co mar de fondo. A saída será ás 20 horas do Porto do Grove. As entradas están dispoñibles na web da bodega.
Unha nova edición duns concertos que levan tempo funcionando entre a veciñanza e nos que, tal e como o seu nome indica, se relaciona a música —o son— coa gastronomía —a sal? Un ciclo de concertos que deu comezo no ano 2016 e que permite o descubrimento de cultura musical tradicional, mesturada cos ritmos actuais, namentres se colabora co Banco de Alimentos Rías Baixas.