
O artista, de 24 anos, creou unha maridaxe de viño e tradición nos Xoves de Códax
06 ago 2024 . Actualizado a las 19:47 h.Martín Mondragón ten tan só 24 anos, pero cando un artista sabe de onde ven e a onde vai a idade é algo secundario. Este xoves a adega de Martín Códax, en Cambados, acolleu a Mondra, a estrela galega que leva sobre 30 concertos na súa xira, a Foliada das Ardentes. Non moitos artistas son capaces de converter a un público de cata nun público animado, pero o cantante de Teo conseguiuno en moi pouco tempo. Horas antes do concerto falamos con el nunha terraza aínda en proceso de montaxe.
—Podes resumirme un pouco a viaxe de Mondra dende os inicios ata o de agora?
—Eu levo toda a vida vencellado ao mundo das agrupacións culturais unidas ao mundo tradicional, pero tamén á danza, o teatro e a música doutros estilos. Gradúome de Comunicación Audiovisual no 2022 e decido que o meu traballo de fin de grao sexa un traballo xa visual e musical, que é AGHRÚuU. Aí é onde vexo a resposta da xente ao que eu fago e canto me apetece de verdade empezar o meu proxecto persoal que é isto. Mondra é o produto dun recorrido longo de tantos anos, a conxunción de partes polas que eu fun divagando.
—Es parte da compañía de danza de Fran Sieira dende hai máis de tres anos, a que che axudou profesionalmente?
—Para min a compañía foi a primeira oportunidade laboral nas artes escénicas e foi unha experiencia moi transformadora no mundo das artes. Entrar foi un proceso duro de audición e valoro moito a todas as persoas que me atopei no camiño, cada aprendizaxe desas persoas.Todo se baseou en moitísimo esforzo e traballo e tamén en moita sorte de encontrar o momento e as persoas axeitadas.
—Como é ser un artista en solitario, sen un grupo que te rodee?
—Teño un equipo fantástico de moitas persoas polo que me sinto moi arroupado. Ser artista solista ten as súas vantaxes, eu tomo as decisións artísticas, son sempre quen guía. Son moi afortunado de facer sempre o que quero, pero hai momentos de soidade onde che gustaría estar acompañado nesa mesma toma de decisións. Ao final é decidir constantemente, ten unha dobre cara, pero é algo que gozo, fai que o proxecto sexa moi persoal, todo o que escribo e digo nun escenario é o que sinto e penso.
—Falando de moda, tes algunha marca en concreto que utilices frecuentemente na posta en escena?
—Gústame moito vestir moda galega e gústame moito a ollada de Adriana Lado, compartín piso con ela estudando e agora é unha das estilistas máis importantes do país.
—En setembro saíu o teu primeiro álbum, «Ardén», cal é a idea detrás del?
—Ardén é un concepto que apareceu despois das primeiras músicas, cando estabamos no estudio con Saco de pulgas, Beixos de LK, Punheta!... E a partir de aí aparece a idea de ambientar o traballo conceptualmente nun territorio. Contar moitas eivas sociais e políticas que eu sinto e vivo na miña vida, pero a través de unha música e un territorio creado por nós. Foi un traballo de diálogo entre as músicas tradicionais galegas de pandeireta e moitos outros estilos. É un traballo feito sen prexuízos.
—Cando sabes que sintonía queres usar ou que melodías incluír?
—Sei que está ben cando estamos conectadas, hai este click de xa está cando os elementos e o relato axeitado se engraxa de forma perfecta.
—No CD podíase ver por unha parte a cartela en branco e negro rodeada de puntos rosas como se fose confeti, que querías dicir con iso?
—Fixémolo así para darlle un valor de ser e unha importancia ao físico, que a xente sentise que podía entrar connosco a esa terra e podía ser ardente. O concepto e esa dualidade que está en todo o disco entre o amargo, o hostil, o escuro ,que é o branco e negro nas fotográficas e esa cor que aparece nas flores, nesa rosa espiñada e seca. Pero que na nosa folía, no noso espazo seguro, reverdece. O concepto deses puntiños rosas é esa parte mais luminosa e de celebración que ten o disco.
— Fai nada sacaches «Quérese ben», tes planeados novos lanzamentos?
— Moi posiblemente haberá algunha colaboración moi pronto, neste ano, e despois un segundo proxecto que xa está entrando no forno.
— Cal é a túa experiencia na industria da música galega como «galego e maricón»?
— A miña relación co colectivo foi moi inesperada, eu non escribín as miñas primeiras cancións para eles, e de súpeto recibín unha acollida por parte do colectivo que non esperaba. Foi aí cando me fixen máis consciente desta cuestión e de que, se son un maricón galego, quero falar por certas persoas e teño escenarios para facelo. Síntome responsable de defender o colectivo galego, formado por moitas disidencias, todas teñen que ter a súa representación. Non vou ser eu quen as represente a todas, pero simplemente quero lembrarlle a quen non sabe que estamos aí que si que estamos.
—A música en galego chegou para manterse no tempo por fin?
—Penso que sempre hai este ciclo con momentos álxidos, pero que despois de certo tempo volve a estar na marxe. Ao final a nosa música tradicional significa moitas cousas que a moita xente non lle gusta, especialmente a certos poderes.
— Quen é a túa maior inspiración musicalmente?
— Inspírome nas miñas vivencias, no que sinto dende adolescente, en Ardén soltei todas as cousas que tiña que dicir e é un disco moi persoal, que fala moito de min. Non penso en historias que non me pertencen, sempre hai historias que son miñas.Despois a miña terra, o meu país, o meu pobo son fundamentais, sempre están de algunha maneira.
— En decembro fuches teloneiro de Tanxugueiras no Coliseum, como se viviu este fito histórico para a música en galego dende dentro?
— Ese día todas o sentimos como un día histórico. Aida Tarrío é moi amiga miña, entón estabamos vivindo o éxito da música do noso país, o éxito da música na nosa lingua, o éxito de tres mullerazas e o éxito dunha amiga. E aínda por riba convidáronme a formar parte e a levar a nosa Foliada das ardentes para nove mil persoas no recinto máis grande de Galicia, vivímolo moi emocionados. Vivímolo dende o «por fin», un fito máis no camiño pero non illado, marca unha dirección do que é posible facer coa música en galego.
— Nas túas cancións utilizas moitos refráns, que significa para ti que as letras galegas do 2025 estean adicadas ao cancioneiro?
— É unha marabilla, un acerto rotundo por parte da academia, ao final bebemos desas mulleres que significan tantas cousas. A nosa música viviu na súas gorxas ata o de agora, son autoras que merecen iso e moito máis.
— Este 2024 tes plantexados ata trinta concertos por toda Galiza, cal é teu mellor recordo nun concerto?
— Está sendo moi bonito e diverso. O outro día nas Carrilanas de Esteiro foi incrible, no Festigal tamén. Despois tivemos tamén concertos para trinta persoas en salas moi pequenas, como a sala Kominsky, en Vigo. Cada concerto é diferente, o que Berto (produtor de música) e eu construímos no estudio, con cada letra e cada música chega á xente da maneira que nos queríamos, está sendo unha conexión moi bonita, están vivindo a música con nós. Senten que a Foliada das Ardentes é un espazo seguro, algo moi importante para nós. Somos unha familia de ardentes moi unida agora mesmo, querendo vivir cada momento
— Se tiveses que elixir unha bebida que te definira, sen ser o licor café, cal sería?
— A cervexa, como estamos nas bodegas podo dicir que o viño
— Se puideses crear un festival propio, que tres artistas non poderían faltar?
— Guadi Galego, que sempre nos enche o corazón coa súa música, Caamaño&Ameixeiras, e Antía Muíño.
— A túa mellor amiga/mellor amigo na industria musical galega?
— Aida Tarrío, é a miña amiga e, nalgún sentido, a miña mentora cando lle pregunto cousas sobre as que ela xa lle da mil voltas. Con Guadi Galego tamén teño unha moi boa relación e conta cunha bagaxe enorme pola que ten solucións para todo.
— De todas as cancións que compuxeches cal é a máis importante para ti polo momento ou o significado?
— Ardén, leva o título do disco, o relato está moi ao día, con conflitos como o do pobo de Palestina.