O Arousa de Míchel Alonso estréase recibindo o Alondras na Copa RFEF

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Javi Rey, pendente inda da alta médica, é a única ausencia nas filas locais

03 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa volve xogar dez semanas despois no céspede da Lomba. Pouco máis de dous meses entre o batacazo da eliminación na segunda rolda da promoción de ascenso a Segunda RFEF a mans da UD Ourense e a saída de Luisito do club vilagarcián e a construción do ilusionante novo proxecto co que Dani Abalo, desde os despachos, e Míchel Alonso, no banquiño, pretenden levar o cadro arlequinado ao ansiado salto de categoría. Un obxectivo a nove meses vista que hoxe comeza a escrita do seu prólogo, cun primeiro partido de pretemporada que supón, ademais, o debú en competición oficial do Arousa 2024/25. O que esta tarde noite, desde as 20.30 horas no estadio da Lomba, o mide ao Alondras na rolda previa da Copa Federación. 

Trátase dun partido que chega extremadamente pronto para os homes de Míchel Alonso, claro que tamén para o seu rival. No caso do conxunto vilagarcián, tan só semana e media despois de iniciar o seu programa de preparación para a Liga, o 24 de xullo. Desde entón, o novo cadro de futbolistas arlequinados acumula nove sesións de traballo, dúas delas, concentradas o mércores desta semana. Unha cifra pequena para a moita pedra que toca picar inda, pero cuns efectos demoledores a nivel de carga muscular tras máis de dous meses sen competición.

Así as cousas, o adestrador do Arousa sinalaba onte na véspera do duelo co Alondras: «Vamos a intentar combinar el momento de la preparación en la que se encuentra el equipo con pasar de ronda, que es nuestra intención». Unha mestura para a que contará con todos os efectivos cos que leva traballando desde o día 24 agás o porteiro Juanma e o dianteiro Tymo, dous xogadores que remataron a súa etapa de formación no Arousa de División Honor Juvenil e que están a facer a pretemporada con Míchel Alonso sen ficha no vestiario da Lomba; o segundo deles, coa pretensión de acabar dispoñendo dela. Tampouco estará a ata o momento última e flamante fichaxe do novo proxecto vilagarcián, Javi Rey.

Sobre o estado do mediocentro pontevedrés, lesionado no treito final da temporada pasada nas filas do Talavera de la Reina de Segunda RFEF, Míchel Alonso informou onte que «Javi aún no tiene el alta médica de la operación que le hicieron para retirarle la calcificación en un tobillo. Está haciendo trabajo al margen del equipo. A mediados de mes tendrá revisión médica» e confía en que será entón cando reciba a alta para poder volver traballar sen restricións e incorporarse plenamente á engranaxe do equipo.

O Arousa chega ao seu primeiro partido pendente inda do dianteiro centro co que Dani Abalo e Míchel Alonso queren redondear o potente cadro de xogadores incorporado nas últimas semanas ao vestiario da Lomba. O director deportivo do club comentaba onte que intensificou os contactos cun punta de categoría superior á Tercera RFEF, co que se chegará a un acordo esta fin de semana ou, do contrario, se descartará para poñer a mira nun novo obxectivo. Porque se ben desde o club reiteran que ter xa en nómina a José Rivera rebaixa moito a urxencia da contratación dun segundo punta para o equipo, no Arousa son conscientes tamén de que a entrada no mes de agosto comezará a acelerar o desabastecemento de opcións diferenciais de garantías no mercado.