







Os pequenos celebraron de forma anticipada a Festa da Auga
14 ago 2024 . Actualizado a las 20:17 h.Despois das chuvias do martes, a escola infantil municipal de Vilagarcía aproveitou hoxe a saída do sol para que os máis pequenos fosen os protagonistas dunha festa da auga anticipada e personalizada. Dende as dez e media da mañá, os nenos e nenas puideron xogar con vasos de cores, as burbullas de xabón e bolsas cheas de líquido que tiñan que romper a modo de xincana. A partir dunha actividade que pode parecer superficial, os raparigos aprendían a diferenza entre baleiro e cheo ou seco e mollado.
O evento non comezou hoxe; os rapaces xa levan unha semana experimentando observando a formación do xeo e como este se derrete pouco a pouco, ata aprender a diferenciar entre a auga quente e a fría.
Arredor de corenta rapaces de idades ata dous anos saíron ao patio do colexio para atoparse con cubos de cores cheos de auga. «Aínda que moitos tiñan medo a mollarse, explicámoslles, con paciencia, que durante a próxima hora o obxectivo era precisamente ese, empaparse», relataba María Victoria Castañeiras, profesora e coordinadora pedagóxica do centro. Outra das mestras explicaba que un rapaz en canto veu un cubo con auga case se mete de cabeza e que outro, cando veu o espectáculo de cores e líquidos gritou «Aquí no llega!», como s«e fose a Festa da Auga que se celebrará o venres polas rúas de Vilagarcía.
Esta festa para os pequenos é algo que a escola leva realizando xa varios anos. O único requisito é que os nenos leven traxe de baño e sandalias, ademais dunha muda para cambiarse logo da molladura. Despois chegou a hora e comer e, antes das catro, marchar para as súas casas, onde os rapaces relatarán as aventuras do día aos seus pais.