O programa de circo na rúa capitaliza durante a semana o programa das festas de San Roque

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Compañías locais compartirán espazos con grupos chegados doutros puntos da península e mesmo de máis alá

19 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festaclown chega este agosto á súa novena edición, convertido por méritos propios nunha das pezas clásicas do programa de actos que se desenvolven en Vilagarcía co gallo das festas de San Roque. Esta semana, a cidade arousá éncherase de música e sorrisos grazas a un ambicioso programa. Hoxe mesmo, a partir das sete da tarde, haberá pasarrúas a cargo da Fundación Tchyminigagua e a compañía 7Bubbles cos seus espectáculos Tchimizayaguas e Menina respectivamente.

Serán as dúas primeiras pezas dun quebracabezas do máis variado. Nesta edición do Festaclown achegaranse a Vilagarcía compañías galegas, nacionais e internacionais de alta calidade, din dende a organización. Ao fin e ao cabo, esta cita en Vilagarcía pretende servir, ademais de para divertir á xente, para «xerar espazos de diálogo intercultural e interxeracional, nos que descubrir novas culturas e formas de vida e facer da risa unha ferramenta para a empatía e a transformación social».

O programa que se despregará en Vilagarcía, polo tanto, fai paradas no máis próximo e no máis distante. Seguindo esa máxima, este ano poderemos gozar de grandes nomes nacionais como o ilusionista Miguel de Lucas, que estrea en Galicia o seu espectáculo Magia y Humor, e compañías internacionais chegadas de diferentes continentes como Circ Colokolo (Marrocos), Tchyminigagua (Colombia) e outras compañías nacionais de gran calidade como o Zirko Txosko, Orain Bi ou Ameba teatre. En total haberá catro estreas absolutas e seis estreas en Galicia. Como cada ano, o público do Festaclown poderá votar polo seu espectáculo favorito dentro do certame.

O festival organízase en varios bloques temáticos. Así, están os «Superroquiños» matutinos para a cativada, e o Certame e a Mostra de tarde para público familiar. Ademais, dende os seus inicios o festival avoga pola cultura accesible a todos os públicos, tamén dende a creación. Por iso, dentro do seu apartado social inclúense varios espectáculos nos que participan compañías profesionais con artistas con discapacidade. Nesta ocasión contaremos coa colaboración da Asociación Con Eles e Igualarte.

Complétase así un menú pensado para que todo o mundo poida botar unha boa gargallada.