O piragüismo arousán contará con once barcos no Campionato do Mundo de Maratón
AROUSA
O Breogán contará na cita de Croacia con catro padexeiros, polos tres do Náutico Pontecesures e outros tantos do As Torres-Romaría Vikinga
20 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A celebración do Campionato de España de Maratón Curto, no Centro Deportivo David Cal de Pontevedra, e da Copa de España de Maratón, nas augas do río Verdugo ao seu paso por Pontesampaio, concluíu a pasada fin de semana con once embarcacións arousás clasificadas para o Campionato do Mundo de Maratón.
En Metkovic, Croacia, a selección española de piragüismo de fondo contará entre as súas principais bazas de podio cos grandes nomes da comarca, ou o que é o mesmo, coas tres figuras do Breogán do Grove.
Tono Campos e Diego Romero buscarán, do 19 ao 22 de setembro, cadanseu dobrete. O primeiro, nas dúas canoas séniores de distancia estándar; na dobre, con Romero confiando en chegar á derradeira xornada do Mundial tras terse subido na apertura ao podio do C1 curto. Tania Álvarez, pola súa banda, competirá no K2 sénior coa luguesa Tania Fernández, logo de conseguir praza internacional gañando ambas as dúas a Copa de España o domingo.
Tamén en Pontesampaio conseguiron billete para o Mundial o breoganista Antonio Silva, no seu caso por vez primeira, formando equipo con Roque Araújo, do Náutico Pontecesures, impoñéndose no C2 Xuvenil.
O Náutico Pontecesures copou os pasaportes para o C1 Muller Xuvenil con Candela Romero e con Nerea Novo. Mesmo barco e categoría, pero masculina, na que Iker Rey, do As Torres-Romaría Vikinga, competirá en Metkovic ao igual cos seus compañeiros de club Samuel Ares, no C1 Sub 23, e Iván Alonso, no K1 Sénior.