Luciano: «O Vilalonga vai xogar en Terceira coma na Preferente, a tentar ser protagonista co balón»
AROUSA
O club celeste volve á categoría seis anos despois cun cadro de xogadores que mantén o bloque do ascenso
07 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai pouco menos de tres meses, o Vilalonga pechaba unha temporada para o recordo. No campo de Coia, erguía o trofeo de campión da Copa Deputación tras derrotar 3-1 o Cultural Areas, sumando o título ao de campión da Preferente Sur nun histórico dobrete na entidade sanxenxina. Este domingo, con Luciano González novamente á fronte do equipo, o Vilalonga recibe no Novo San Pedro o Silva (17.30 horas), no seu primeiro partido na Tercera RFEF seis anos despois do seu último adeus á categoría.
No seu regreso á Tercera RFEF, o club celeste apostou por manter os pés no chan, dándolle continuidade ao groso do cadro de futbolistas do seu glorioso último curso na Preferente. «Despois da temporada que fixeron merecíano, e, ademais», sinala Luciano González, «apostamos por manter o bloque porque cremos que estes futbolistas poden dar o nivel que esixe a categoría».
Continúan no equipo Rodri e Aarón, na portería, Juan, César, Álex Barbeito, Nico, Diego Abal, Wachi e Mateo, na línea defensiva, Jesús e Tomás na sala de máquinas, e Cavani, Rachu, Monchito, Marcos e Héctor na zona de ataque. Dezaséis renovacións ás que se sumaron media ducia de fichaxes, case todas elas de Preferente e Primeira Galicia: Martín Pérez (procedente do CD Ribadumia), na defensa, e no ataque, Dieguito (Portonovo), Iker (Alondras), Varo (Alertanavia), Portas (Ribadumia) e Raúl Vilar (Unión Dena).
Bastantes equipos na lea
Con estes mimbres, con moi contados efectivos con experiencia previa na categoría, Luciano González é moi consciente de que «imos vivir unha temporada totalmente distinta á pasada. Vainos tocar traballar, traballar, traballar. Aquí hai equipos profesionais e semiprofesionais». Tamén, sostén o técnico do Vilalonga, «creo que imos ser bastantes equipos os que pelexemos por abaixo» para evitar os tres descensos directos e os que poidan producirse por arrastres galegos da Segunda RFEF.
Tan claro teñen nas filas celestes que «tocará sufrir», como que «imos saír aos campos a desfrutar e ser fieis ao noso modelo de xogo, o que nos trouxo aquí». E ese, explica Luciano González, non é outro que: «Ter o balón, ser protagonistas e tentar xogar en campo rival. Temos xogadores con calidade e o seu forte é o manexo do balón. E logo xa se verá se gañamos, empatamos ou perdemos. Se tentamos xogar directos váisenos complicar», confesa o adestrador do Vilalonga.