O Cineclube Ádega volve cunha película chinesa e o filme «La Estrella Azul»

La Voz VILAGARCÍA / AGENCIA

AROUSA

MARTINA MISER

O filme homenaxe a Alain Delon aprázase, pero si se poderá proxectar unha película da actriz estadounidense Gena Rowlands.

09 sep 2024 . Actualizado a las 18:03 h.

O Cineclube Ádega quería empezar o curso cunha homenaxe ao recentemente falecido Alain Delon, pero por problemas cos dereitos do filme tiveron que retiralo da programación. Con todo non se esquecen da lenda francesa e o que si aseguran e que en outubro proxectarase unha película doutra grande da pantalla que finou tamén recentemente, a actriz estadounidense Gena Rowlands.

Antes, este mércores ás 20.30 horas no Salón García proxectarán o filme chinés do ano 2000 Suzhou river, todo un clásico recente do cinema asiático e a obra máis recoñecida do seu director e guionista Lou Ye. «Suzhou river é desas xoias semidescoñecidas que convén lembrar; un filme tan romántico coma misterioso», explican desde Ádega.

Para o venres 27 será a quenda do cine español con La estrella azul (2023), escrita e dirixida por Javier Macipe e protagonizada por Pepe Lorente, «que fan que este filme continúe a excelente racha de grandes títulos nacionais. Neste caso un biopic do gran cantautor aragonés Mauricio Aznar, coñecido sobre todo polo tema que internacionalizaron os Héroes del Silencio coa súa versión de Apuesta por el rock and roll».

As entradas estarán dispoñibles dende media hora antes das proxeccións no propio Salón García e en https://www.cineclubeadega.com/programa/suzhou-river/. E para saber máis da oferta do cineclube con sede en Vilagarcía, pode atoparse nas súas redes sociais ou suscribirse á súa canle de Telegram.