O grovense Iván Treinta, no SUP City Tour de Holanda

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O padexeiro do Breogán do Grove viaxou acompañado dos técnicos José Luis Otero e Miguel Otero

10 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Iván Treinta fixo a maior parte da súa carreira deportiva no mundo do remo. Hai un par de anos, o deportista meco enrolouse no Breogán do Grove e púxose a practicar a modalidade de stand and paddle (SUP). Unha disciplina que consiste en mover unha embarcación a medio camiño entre unha piragua e unha táboa de surf cunha pa. A súa paixón por ela levou a Iván Treinta ao centro do vello continente para participar, desde mañá mércores e ata o domingo 15, na undécima edición da SUP City Tour. Unha proba que levará os seus participantes a percorrer 220 quilómetros polas pintorescas canles da rexión de Frisia, nos Países Baixos.

O arousán saíu o domingo do Grove en furgoneta acompañado do director técnico do club Breogán, José Luis Otero, e mais de Miguel Otero. Xa no seu destino, co tempo xusto para descansar e aclimatarse, iniciará unha competición que reunirá a algúns dos mellores atletas do SUP en longa distancia do mundo, sinalan na páxina web do evento. Con cinco etapas desiguais, desde a primeira, con algo máis de 48 quilómetros, case a cuarta parte do percorrido total, ata a quinta e derradeira, con 27 quilómetros de trazado.

Desde a organización da SUP City Tour sinalan que se trata dunha competición «excepcional para os padexeiros competitivos que aman os desafíos».