O Folk no Alobre da vindeira fin de semana porá o punto e final ás actividades do verán vilagarcián
AROUSA
A cita tivo que aprazarse ante a ameaza de choiva
22 sep 2024 . Actualizado a las 18:46 h.O festival Folk no Alobre celebrarase o próximo domingo 29 de setembro, logo de ter que aprazarse o pasado día 1 debido á ameaza de choiva. Esta romaría urbana, que terá lugar no Parque Enrique Valdés Bermejo, converterá a música tradicional galega e o folclore nos grandes protagonistas da xornada, co obxectivo de poñer en valor tanto a paisaxe como o patrimonio histórico e natural de Vilagarcía.
Organizado polo Concello de Vilagarcía en colaboración co colectivo Pés de Barro, o festival ofrece unha variada programación que inclúe un roteiro guiado, o rito das penas, obradoiros de baile e unha serie de concertos que comezarán ás cinco da tarde. A xornada está pensada para ser disfrutada en familia e ao aire libre, mantendo o espírito das tradicionais romarías galegas. Todas as actividades serán gratuítas.
Unha das novidades desta edición será a disposición de mesas e cadeiras no parque para facilitar o almorzo dos asistentes. Ademais, aquelas persoas que non leven comida da casa poderán mercar alimentos nos postos habilitados pola organización, facendo así máis cómoda a súa estancia no evento. O festival comezará ás 11 da mañá cun roteiro histórico guiado polo recoñecido músico Xurxo Souto. O percorrido partirá do Parque de Ravella e estará amenizado polo grupo Os Demos da Petaca, que co seu pasarrúas animará aos participantes.
Para unirse á ruta, as persoas interesadas deberán presentarse no punto de partida no horario indicado. A programación vespertina contará coa actuación dos grupos Nós de Sobradelo, Bailai Malditos e Os D’Abaixo. A organización tamén está en proceso de confirmar un cuarto grupo que substituirá a Os Caruncho, que non poderán participar nesta edición.