Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Vilagarcía volverá ser a parada final das Marchas Ciclistas Unificadas Special Olympics

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A actividadechegará este ano á súa duodécima edición, e está aberta tanto a persoas con discapacidade como as que non a teñen

24 sep 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

A Praza da Segunda República de Vilagarcía volverá ser, un ano máis, o punto final ás Marchas Ciclistas Unificadas de Special Olympics Galicia. Unha actividade que este ano chegará á súa duodécima edición, aberta novamente tanto a persoas con discapacidade como as que non a teñen coa finalidade, explicou onte no salón nobre do Concello de Vilagarcía a vicepresidenta da entidade organizadora, Carmela González, de «rachar barreiras» e de «visibilizar as persoas con discapacidade, fomentando a súa inclusión social».

Tras as etapas de Burela-San Cibrao-Burela do 3 de outubro, da de Santiago de Compostela o día 4 e da do Carballiño o 5, a de Vilagarcía será a que presente unha maior participación. Cun percorrido de 13,1 quilómetros, a cita arousá reunirá a 48 deportistas e 8 adestradores das entidades As Burgas, Aspas, San Francisco, Prodeme e Con Eles, anfitrioa do evento e presente con 15 corredores, ademais dos clubs ciclistas Monforte e Xiabre, estes últimos, en calidade de colaboradores xunto a ducia de integrantes de Protección Civil e da organización do evento. A saída da marcha está prevista para as 11.30 e a ela poderáse sumar calquera particular que o desexe.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o delegado de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, eloxiaron durante o acto de presentación da marcha o labor realizado por Special Olympics e por asociacións coma Con Eles a prol da integración de persoas coma Encarna, Chema ou Vanesa, presentes no salón nobre de Ravella e ás que se lles puido escoitar o lema de Special Olympics: «Quero gañar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento».