Recibe esta tarde en Coirón o Getasur
28 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño fai hoxe a súa estrea como equipo local na Liga 2024/25 da División de Honor Plata Femenina (Pabellón Coirón Arena, 20 horas). Faino lucindo o cartel de líder provisional da terceira categoría do balonmán feminino español, logo de apalizar a semana pasada na xornada inaugural o Balonmano Santa Cruz de Tenerife: 23-38.
O calendario quixo emparellar nesta segunda xornada do campionato os dous conxuntos máis letais no arrinque da Liga. O Balonmano Getasur preséntase en Coirón logo de endosarlle un 35-22 ao Leganés.
O adestrador do Asmubal, José Manuel Costas, ve no Getasur «o equipo máis forte do noso grupo, xunto co Gijón». Esta será a primeira vez que o cadro meañés se mida en Liga a un conxunto de Madrid, comunidade reasignada esta temporada ao Grupo A. Un factor, o da orixe, importante, por canto, sinala Costas, os madrileños son equipos que «xogan un punto máis rápido do que estamos acostumados no noso grupo». No caso específico do Getasur, di, «defenden en 6-0, pero presionando moito para saír ao contragolpe con extremos rapidísimas», polo que salienta a necesidade dun bo repregue.