Un Cambados TM moi cambiado inicia a División de Honor

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

28 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga de División de Honor de Tenis de Mesa 2024-2025 bota hoxe a andar. E faino co Cambados Tenis de Mesa de regreso á segunda categoría estatal. Un conxunto arousán practicamente irrecoñecible respecto ao cadro de xogadores que o converteron no mellor conxunto de entre todos os grupos da Primera Nacional na fase de grupos da campaña anterior, o que lle acabou valendo para dar o salto pese a fracasar no seu intento de facelo pola vía directa na fase de ascenso organizada polo propio club no Pavillón Municipal do Pombal.

O pontevedrés Darío Casalderrey é o único dos xogadores que hoxe, desde as 17 horas no pavillón do colexio San Tomé fronte ao Gondomar TM/Rosquillas Cristaleiro lucirá a camiseta do Cambados TM tras telo feito a temporada anterior.

O club arousán pescou no veciño Vilagarcía TM o que levaba sendo nas dúas últimas décadas o seu xogador franquicia. O ucraíno Sergii Nigeruk fichou na vila do albariño como xogador, capitán e adestrador do cadro de División de Honor, categoría que perdeu o Vilagarcía o curso 2023-2024. Xunto a el, incorporouse os xogadores portugueses David Bessa, de 20 anos, e André Cruz, este último, o mellor tenista de mesa luso sub 19 do momento; o primeiro xogará os partidos do Cambados TM na casa e o segundo os que dispute fóra, compaxinando ambos os dous o equipo arousán coa máxima división do seu país. O galego Santiago Otero completou hai uns días a nómina de fichaxes.