De vivirmos en perigo como cultura

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VEMNTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Sandra Alonso

O Consello de Europa alerta do incumprimento das obrigras que corresponden a España na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias

29 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se trata de ser apocalíptico pero a cultura galega, entre outras, está en perigo. Os valores culturais sempre viviron en conflito non só coa incomprensión, a lixeireza e as présas senón, probablemente, coas reviravoltas e ansias políticas e económicas. Será un enfrontamento eterno pero, agora mesmo, a situación é asfixiante; en particular nas vilas pequenas nas que a cultura enténdese dun xeito pouco menos que folclórico e as concellerías do ramo son residuais. Unha desfeita.

Aínda que a quero traer a colación, non me vou a referir á substitución dos conceptos pola imaxe, fácil de captar: hoxe a televisión, de maneira asoballante, e a internet metérennos na ditadura da imaxe, provocando un empobrecemento da capacidade de entender e a consecuente perda de riqueza lingüística. É un problema universal do que xa nos advertiu Giovanni Sartori na súa obra Homo videns, a sociedade teledirixida, (Ed.Penguin 1998), que, simplificando, mantén que «O homo sapiens, produto da cultura escrita, estase a transformar nun homo videns para quen a palabra foi destronada pola imaxe, o que leva a un ver sen entender que mata o pensamento abstracto». Iso está relacionado co idioma, porque nutrirse de imaxes non precisa dominio da lingua e dos seus matices.

En relación co galego estes días temos que estar desesperanzados polo novo informe do Consello de Europa, —que non se debe confundir co Consello Europeo da UE— sobre o incumprimento das obrigas que corresponden a España na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias; un tratado internacional, lei, que forma parte do sistema xurídico, e que a paiolada reinante nos ámbitos sociais e políticos provoca que se incumpra. Nesa última memoria, o Comité de expertos creado ao amparo desa Norma, fai unhas advertencias rotundas que non deixan de seren elementais. Falan, en primeiro lugar, das recomendacións de actuación inmediata e sinalan as de eliminar as limitacións do uso do galego como medio de ensino das materias de ciencias; adoptar medidas para garantir o emprego do galego nos centros de atención sociosanitaria; amparar que os falantes de galego poidan expresarse no seu idioma coas delegacións da Administración do Estado español; velar que a lexislación asegure que os xulgados desenvolvan en galego os procedementos penais, civís e administrativos a instancia dunha das partes e adoptar medidas para que se cumpra na práctica —nisto non hai nada, aínda que hoxe os operadores xurídicos, xuíces, funcionarios, avogados, procuradores, teñen formación plena en galego—. Sinalan estes expertos que hai que salvagardar que o ensino en galego se leve a cabo en todos os niveis de estudos: preescolar, primaria, secundaria, formación profesional e universitaria; que é preciso elaborar materiais didácticos en galego para as ensinanzas técnicas e profesionais; que se faga por desenvolver un software que ofreza a posibilidade de utilizar formularios, modelos ou documentos xudiciais en galego e que se facilite aos cidadáns canles de comunicación nesa lingua coa Administración da Xustiza; tamén poñer a disposición textos e formularios administrativos estatais en galego; restablecer unha versión galega do Boletín Oficial do Estado e, en fin, proporcionar información en galego sobre os dereitos dos consumidores. Todo isto non o pide, que tamén, a Academia, o BNG, o PSG, A Mesa, ou eu: pídeo un grupo de expertos dun organismo integrado por 46 Estados europeos que ten como finalidade defender os dereitos humanos. O presidente Rueda, sensible a este tema, falou da posibilidade dun novo consenso sobre a lingua, como o que houbo coa vella Lei de Normalización Lingüística de 1983. Fagan o favor os responsables de todas as cores de tomar como punto de partida este moquete dos expertos do Consello de Europa. Vainos a supervivencia como cultura ou, dito doutro xeito, a apocalipse do sermos galegos.