O Concello de Cambados TM de Sergiy Nigeruk estréase con triunfo e liderado
AROUSA
O cadro arousán endosoulle un 5-1 o Gondomar TM
01 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Con suma contundencia. Así comezou o Concello de Cambados, nova denominación do primeiro equipo de tenis de mesa da vila do albariño, o seu regreso á División de Honor, a segunda categoría estatal. No seu local de xogo, o pavillón do colexio San Tomé, o conxunto que desde esta ano adestra, capitanea e lidera na cancha o ucraíno Sergiy Nigeruk, ata hai uns meses xogador franquicia do veciño Vilagarcía TM, venceu o pasado sábado 5-1 o Gondomar TM/Rosquillas Cristaleiro.
Daniel Casalderrey abriu e pechou o parcial de 5-0 do cadro arousán, superando primeiro 3-0 a Rafael Otero e máis tarde 3-1 a Lucas Tojal. Entre un e outro resultados, Sergiy Nigeruk gañoulle 3-1 a Alexandre Ferreira e 3-0 a Rafael Otero, con Santiago Otero, a última fichaxe do Concello de Cambados, marcando o punto de inflexión do primeiro encontro de Liga 2024-25 ao superar por un axustadísimo 3-2 a Martín Pintos no terceiro emparellamento do duelo, resolto con remontada e un marcador de 11-6, 8-11, 10-12, 12-10 e 11-8.
Santiago Otero non foi quen de redondear o resultado, cedendo no sexto e derradeiro emparellamento ante Alexandre Ferreira, noutro enfrontamento levado ao extremo: 11-13, 11-6, 11-13, 11-9 e 8-11.
O resultado final converte o Concello de Cambados no primeiro líder do Grupo 1 da División de Honor, cos mesmos dous puntos co Atlético San Sebastián, o Centro Natación Helios e o One Vision Parla, os dous primeiros tras gañar cadanseu compromisos con dous puntos en contra e o último tendo que acudir ao desempate do dobres. O vindeiro rival do cadro arousán será o Seghos Escuela Tenis de Mesa, este sábado de novo en San Tomé.