O Asmubal Meaño agasállase outra malleira de escándalo e é o equipo máis goleador da categoría

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Eli Méndez, nun partido doutra temporada
Eli Méndez, nun partido doutra temporada Martina Miser

As de Juan Manuel Costas dobraron no marcador o CDB Fuentes Carrionas: 24-48

08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño arrincaba o 21 de setembro a Liga cunha goleada sobre o Balonmano Santa Cruz de Tenerife, 23-38, que o elevou ao máis alto da clasificación do Grupo A da División de Honor Plata Femenina. Un posto no que se mantén firme ao termo da terceira xornada da competición, co Balonmano Gijón sendo o único rival que consegue igualar o pleno de vitorias do conxunto que dirixe Juan Manuel Costas, que o pasado sábado, no seu segundo desprazamento da temporada, elevou inda máis as súas prestacións en Tenerife para endosarlle unha malleira de escándalo ao CDB Fuentes Carrionas: 24-48.

Vaia por diante que o conxunto palentino viña de recibir a semana anterior un correctivo algo maior inda, caendo 48-22 a mans dun Balonmano Leganés que sumaba deste xeito os que son ata hoxe os únicos 2 puntos do seu casilleiro.

A defensa presionante en 6-0 das de Costas volveu resultar infranqueable para un novo rival. Da mesma maneira que lles sucedera ao Santa Cruz e ao potente Getasur, o ataque do Fuentes Carrionas, un equipo severamente devalado este verán respecto á súa versión da temporada anterior, estrelouse contra un muro. O Asmubal puxo a directa pronto, cun parcial de saída de 1-5, e se ben o cadro palentino semellou querer aferrarse ao choque (5-6, minuto 10, 9-13, minuto 20), as visitantes deixaron claras as súas intencións ao descanso, 13-21, e sen lugar á dúbida, no reinicio do encontro, levando o marcador a un 15-26 en só cinco minutos.

As segunda metade foi unha festa para as xogadoras do Asmubal, que anotaron cunha cadencia próxima ao gol por minuto, asinando a inmensa maioría dos seus 26 tantos do período tras roubo e contragolpe.

Proba da superioridade brutal das visitantes está na participación das tres porteiras no encontro, Guadalupe Larralde, Nadia Vázquez e Uxía Varela, e no feito de que só elas e Vanesa Domínguez, a especialista defensiva recuperada esta temporada polo Asmubal e clave no seu descomunal inicio de Liga, quedaron sen anotar, cousa que fixeron as súas once compañeiras de expedición.

Coas súas malleiras nos seus tres primeiros partidos, o Asmubal é o equipo máis goleador, con 120 tantos, e con maior diferencial ataque-defensa, +49, dos catro grupos da DH Plata Femenina. Só outros dous equipos, o Sant Joan Despí e o BM La Roca, segundo e terceiro do Grupo C, superaron a barreira do cento de goles, con 108 e 100, respectivamente.

FICHA DO PARTIDO:

CDB FUENTES CARRIONAS (24): Luna Vega, Sara Alonso (6), Míriam Laso (2), Lydia San Juan, Andrea Olea (2), Ana Antonella Mostoni (4), Natalia Valbuena, Sarra Sioud, Andrea Juanes (1), Erika Vielba (4), Yael Herrero (3), Emma Miguel (1), Marina Arribas (1) e Lucía Rodríguez.

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (48): Guadalupe Larralde, Raquel Sineiro (3), Danilza Liranzo (2), Sofía Arangio (3), Cárol Ferreira (11), María Currás (2), Nadia Vázquez, Uxía Varela, Agustina Ballada (2), Eli Méndez (7) Laura Miniño (11), Paula Rey (4), Luna Otero (1), Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (2). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 1-5, 5-6, 7-10, 9-13, 11-17, 13-21 (descanso); 15-26, 16-31, 19-36, 20-40, 22-43 e 24-48.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Castigaron con dous minutos as locais Mostoni (min 3.26), Herrero (36.03), Juanes (52.23) e Valbuena (54.12) e as visitantes Ferreira (22.47), Liranzo (32.24 e 44.18) e Arangio (41.19).