Gozar «O baile dos vampiros» de Polanski entre actores e unha suculenta cea no Festival do Imaxinario de Vilagarcía

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O Curtas pon á venda 60 entradas para a súa experiencia máis inmersiva, cos comensais degustando un menú chupasangues mentres desfrutan do filme no medio dunha ambientación para a ocasión

13 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa volverá á carga para poñer todo da súa parte no seu empeño en sentar as bases que acaben por converter a localidade na capital galega da festividade de Todos os Santos. O certame, que desde hai unha década apostou por especializarse na temática do terror e da fantasía, incluirá por segundo ano no seu programa de actividades paralelas á proxección dos seus filmes e curtametraxes a concurso o Samaín Arrepiante. Unha iniciativa levada á noite do 31 de outubro e sostida sobre dous piares: a animación nas rúas e a máis inmersiva das propostas lanzadas ao longo dos dez anos de xestión dos actuais responsables do festival, unha cea temática.

Hai un ano, o equipo encabezado por Luis Miguel Rosales sacaba unha sorprendente nova baza da súa baralla de cartas. Co gallo dos 50 anos da estrea de O exorcista, ofreceu a posibilidade de visionar o clásico dirixido por William Friedkin en pantalla xigante na Praza da Peixería mentres os comensais degustaban un menú composto por delicias como Un de tantos tacos que soltaba a nena do exorcista cociñado por Miguel Mosteiro, chef de Gastrolab Arousa, mentres actores do Taller de Teatro Clámide e do grupo de baile Nydia interactuaban cos asistentes ataviados como personaxes da película. Este ano, mantéñense os condimentos principais, con Miguel Mosteiro aos fogóns e a xente de Clámide e de Nydia completando a ambientación coa que o Curtas pretende converter a Peixería no gran salón de baile que inspira o título do filme que vertebra esta segunda cea temática do certame vilagarcián: O baile dos vampiros, dirixido e coprotagonizado en 1967 por Roman Polanski e coa súa malograda muller Sharon Tate no reparto principal, obra a medio cabalo entre o terror e a comedia.  

Imaxe da primeira cea temática do Curtas, o ano pasado, dedicada a O exorcista
Imaxe da primeira cea temática do Curtas, o ano pasado, dedicada a O exorcista Martina Miser

Rebaixa no prezo

O Curtas repite os 60 asentos á mesa da súa cea que xa puxera á venda o ano anterior, coa novidade dunha substancial rebaixa do 20 por cento no prezo do seu menú, que baixa de 50 a 40 euros. Entre os pratos ideados polo chef de Gastrolab Arousa, as Delicias nocturnas do Conde Von Kroloc (panipuri de crema de queixo con encurtidos e salmón curado en remolacha), Esferas de sangue maldito (croquetas negras de choco na súa tinta) ou Bocado de morcego con esenza de lume (brioche de carne de coello con pico de galo e mahonesa chipotle). O menú completo aparece no recadro ao final da información. 

O director do Curtas, Luis Miguel Rosales, explica a elección do filme: «Queriamos facer algo que fora divertido e facilitar que a xente viñera disfrazada». Quenes o fagan optarán a varios premios preparados pola organización.

Os interesados en adquirir algún dos 60 asentos na cea temática poden facelo xa a través da web do festival ou ben entrando na páxina vivetix.com.

Media hora antes do inicio do ágape vampiresco, a partir das nove da noite e con permiso do tempo, o Curtas encherá de animación o centro de Vilagarcía da man de Coda Teatro Musical. Integrantes do grupo local irán levando o seu espectáculo Sons na penumbra a través das rúas da capital arousá, con paradas na Praza de Galicia, na Praza do castro e na rúa Valentín Viqueira. Iso, sempre que a chuvia non queira facer acto de presenza, unha circunstancia que o ano pasado obrigou a levar a proposta de Coda ao Auditorio Municipal. 

O Samaín Arrepiante dará inicio á segunda e última fin de semana do Curtas, que elevará o telón o venres 25 de outubro para dar paso a nove días de proxeccións gratuítas de filmes e de curtametraxes de terror e de fantasía no Salón García.

MENÚ VAMPÍRICO

«Delicias nocturnas do Conde Von Kroloc»

Panipuri de crema de queixo con encurtidos e salmón curado en remolacha

«Brebaxe antivampiros do Profesor Abronsius»

Allo branco con bolas de sandía e xugo de arándanos

«Esferas de sangue maldito»

Croquetas de choco na súa tinta

«Bocado de morcego con esenza de lume»

Brioche de carne de coello con pico de galo e mahonesa chipotle

«Risotto do Averno»

Risotto vermello de setas e morcilla con carrilleira de porco

«Mousse sanguento de Transilvania»

Mouse de iogur grego con coulis de frutos vermellos

«Corazón do Conde Drácula»

Pan de remolacha

«Elixir de Vlad Tepes»

Viño tinto de Barrantes e Mencía

«Pócimas de Van Helsing»

Auga, cervexa e refrescos